«Hoxe un gandeiro galego ten que saber de todo, incluso de economía»

 Javier Taboada e Daniel Ferreiro, vicepresidente e director xeral de Aira, cren que hai que apostar por entregar directamente o leite a grupos fortes e investir en proxectos como o seu


Redacción / la voz

Din: «Non voceamos xuntos ao nacer, pero case». Javier Taboada Rodríguez (11 de decembro de 1961) e Daniel Ferreiro Otero (13 de abril de 1962) -ambos muxiron no seu día vacas a man- son vicepresidente e director xeral de Aira. Este grupo cooperativo de primeiro grao, resultado da fusión de Icos, Agris, Cogasar, Coelplan e Aira, ten 21 actividades diferentes, factura 106 millóns de euros, produce cada ano 210.000 toneladas de pensos e mesturas húmidas e secas e 330 millóns de litros de leite (recolle máis de cen millóns). Dairylac, o seu brazo industrial, do que posúe o 69 % do capital, comercializa unha importante parte da produción láctea.

Pregunta. Abraian cos datos da compañía. 14 centros de traballo, participan en Clesa, teñen unha firma de seguros... En Aira están representadas as explotacións de leite, avícolas, de gando...

Daniel Ferreiro. Queremos xerar valor para os nosos socios.

Javier Taboada. Co noso traballo buscamos a rendibilidade, pero tamén que a xente teña calidade de vida para que se centre nesta actividade empresarial, na que tes que entender de todo: de agricultura, gandaría, ata de economía...

D. F. Fixemos dous plans de negocio de tres anos e pensabamos crecer a un ritmo do 3 ou 3,5 % anual. O certo é que medramos entre o 5 e o 6 %, e no 2018 por riba do 8 %, ata alcanzar os 106 millóns. Temos 2.500 socios de libro (non todos teñen actividade), dos que 1.200 son profesionais do leite -producen 330 millóns de litros ao ano, arredor do 12 % do total de Galicia- e teñen moito futuro. No 2018 o beneficio antes de impostos chegou a 1,4 millóns de euros, e o ebitda foi de 3,8.

P. Dos 330 millóns de litros, cantos comercializan directamente?

D. F. O 30 %. Recollémolo e transformamos o 50 % dese leite no noso brazo industrial, e tamén en Clesa. O outro 50 % estamos vendéndoo a diferentes clientes que se dedican a transformalo. A nosa planta está pensada basicamente para envasar leite pasteurizado e desnatado, pero co noso brazo industrial apostamos tamén por un modelo distinto: o da produción de compoñentes de acordo cuns determinados valores.

P. Compoñentes? Cales?

D. F. No leite hai moitos elementos: proteínas, azucres, materia graxa, soro... Nós construímos unha segunda planta para secar soro de queixería e leite desnatado. O noso obxectivo é facer compoñentes, algúns deles relacionados coa alimentación infantil. Nalgúns casos posicionaríamonos en España como os únicos capaces de facelos. Coñeceranse proximamente.

P. Os gandeiros están seguido queixándose? Por que non dan solucionado o problema do leite?

D. F. Non son queixóns, son profesionais moi sacrificados. Quéixanse do prezo do leite e con razón, porque cando se fan comparativas co resto de España e coa UE temos os prezos máis baixos. Algúns elementos que explican esta situación teñen que ver co modelo de transformación, que debería xerar maior valor engadido. Inflúe tamén o feito da localización: estamos ao final da esquina do país...

P. Onde está o segredo do éxito?

D. F. En poñer en valor as diferentes actividades. Un dos piares básicos de Aira é o de transformar e comercializar os produtos. Apostamos polos temas de trazabilidade, de seguridade alimentaria, de certificación de calidade...

P. Dairylac...

D. F. Aira participa nun 69 % dun proceso industrial totalmente galego. Outro 25 % está en mans de Xesgalicia. Deleitar é o nome co que se comercializa o produto. Somos a segunda marca de leite pasteurizado de Galicia. Quédanos moito camiño por percorrer.

P. Cren nun grupo lácteo galego? D. F. Gustaríame crer en procesos de transformación con base na produción.

P. O lóxico non sería que todos os labregos estivesen unidos?

D. F. Se esperamos a que alguén decida que iso suceda podemos botar outros 30 anos. O que hai que facer é poñelo en marcha. Por iso estamos facendo un esforzo inversor. A nivel de medio rural somos a empresa que máis ten investido nos dous últimos anos. Cando acabe o ano 2019 levaremos máis de sete millóns de euros. Temos 22 carros autopropulsados que están facendo a ración diaria das vacas en máis de 250 explotacións.

J. T. Aira é mais ca un proxecto lácteo. É unha maneira de entender o rural, unha forma de valorizar o esforzo dos socios. O de gandeiro é hoxe un termo moi complexo. Gandeiro é un home que vive dos animais, que os trata ben (que é o seu) e que traballa sempre sen prexudicar o contorno. Somos conscientes do que temos, o que herdamos e o que queremos deixar. A actividade é bonita, aínda que ten que gustar. É sacrificada. Hai que estar 365 días ao ano e manterse pendente de situacións como os partos, que poden ser a calquera hora do día ou da noite; mais, respecto á forma de facer o traballo, andouse moito. Temos externalizados os labores de recolección de forraxe e as sementeiras. No noso caso pódeos facer a cooperativa. Os gandeiros optan polas tecnoloxías máis modernas: podes controlar os animais a través de cámaras, tes novos mecanismos de muxidura, de limpeza, dispositivos para que a alimentación chegue á comedeira... Hai que ir mañá e noite a vixiar, pero hai mecanismos para que non sexa tanto o traballo físico intensivo.

P. O gandeiro debe entregar directamente á industria?

J. T. Clarisimamente, si. Os intermediarios que quedan son poucos, e o volume que manexan é escaso. Non teñen sentido ningún. Os gandeiros deben apostar por industrias fortes e potentes e por ter unha relación o máis directa posible, investir en proxectos deste tipo e chegar a ter procesos de transformación rendibles, o que non é fácil. Levamos anos de atrasos.

P. Onde están as explotacións máis modernas do mundo?

J. T. As máis tecnificadas están en Alemaña, Francia ou Holanda. Aquí empeza a haber algunhas.

P. Non se pode xeneralizar?

J. T. Si, pero fan falta inversións e que as leiras estean máis próximas ás explotacións. Neses países que citei, unha ou dúas persoas con tecnoloxía moxen 200 vacas. É evidente que a tecnoloxía marcará o futuro.

«O sector crece, ten pulso, pero ao reducírense as marxes por litro hai que producir máis»

Fixo falta facer varias veces a pregunta para saber canto pode ganar un gandeiro ao mes.

P. Cal pode ser unha nómina dun gandeiro con 40 ou 50 vacas?

D. F. Nunca se calcula esa cifra, porque todo o que gana reinvísteo. Non se mide, non hai unha nómina. Podemos coller xente que gana para cinco salarios 200.000 euros brutos anuais. Todo depende do modelo de explotación, das horas que se fagan... O caso exposto non é o típico. A maioría son empresas pequenas, con distinta base territorial da propiedade. É que son empresas pequenas con situacións diferentes...

P. Merece a pena vivir disto?

D. F. Claro que si. Do contrario, a actividade non iría a máis. Pero cando facemos unha conta real estamos en taxas de recuperación negativas. Cando metes unha contabilidade ben metida -man de obra, investimentos-, ao final a explotación non dá beneficio.

J. T. Unha explotación moi amortizada, cunhas instalacións con 50 animais e unha base territorial de 25 hectáreas, é unha situación totalmente distinta á dun señor que teña as mesmas vacas pero con 5 ou 6 hectáreas nada máis.

P. Se eu quixera dedicarme á gandaría, teño unha herdanza de 150.000 euros e con ela compro terra, gando... Compénsame ou non?

D. F. Se tes que empezar a actividade dende cero tes que pensalo dúas veces. A taxa de retorno desa inversión no sector agrario respecto a outras actividades é moito máis baixa. Non investirías niso. Se desprendes parte deses valores (supoñamos que non tes que mercar a terra nin as vacas, e só tes que investir en repoñer), terminas sacando unha conta de resultados que dá para vivir. Mellor ou peor, dependendo dos factores de produción.

J. T. Á marxe da crise, o sector crece, ten pulso. Ao reducírense as marxes por litro tes que producir máis. Ao dicir unha cifra de canto gana un gandeiro balancéaste moito. Podes pensar nunha explotación media, con 50 vacas en muxidura e mais a recría, para a que fan falta dúas persoas. Se ten unha situación boa (agros en propiedade, grandes e fáciles de mecanizar, e sen débeda) poderías sacar 1.500 euros ao mes por persoa.

P. Xefe incluído.

J. T. Incluído o xefe. Pero se dás esa cifra na entrevista vai darse mal, porque tamén depende das axudas que haxa. O sector moi puxante non está, porque daquela toda Galicia sería gandeira. Pero, tras estruturarse, as explotacións que sigan estando teñen que ter futuro.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Comentarios

«Hoxe un gandeiro galego ten que saber de todo, incluso de economía»