A voltas co prezo da luz

Fernando Branco Parga EX DEPUTADO DO BNG EXPERTO EN ENERXÍA

ECONOMÍA

02 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

É unha evidencia que a suba constante da electricidade está prexudicando á economía doméstica, comercial e industrial, nomeadamente ás industrias electrointensivas.

A tarifa eléctrica ten tres alicerces; o fiscal, co tipo máximo de IVE do 21 %, e un imposto especial do 5,11 %. O recibo eléctrico non deixa de ser un importante mecanismo máis de recadación, a pesares de ser a electricidade un ben básico.

En segundo lugar, está o mercado maiorista, con 24 subastas ao día, onde se marca o prezo que van recibir as empresas produtoras; que sempre é o máximo que fai a casación entre demanda e oferta en cada hora; é dicir, todas as tecnoloxías de produción cobran o mesmo, dá igual que os seus custos sexan moi diferentes; este sistema paga máis que xenerosamente a determinadas centrais, fundamentalmente ás hidráulicas e ás nucleares; son o que no sistema se denomina beneficios chovidos do ceo.

Por último, están as peaxes que, agás as de transporte e distribución, que teñen a ver co propio funcionamento do sistema eléctrico, o resto son decisións de política industrial, medioambiental ou de solidariedade interterritorial, como é o caso dos sobrecustos extrapeninsulares; é dicir, no recibo eléctrico estanse a cargar decisións políticas que deberían ser asumidas polos orzamentos do Estado.

Deste xeito, temos uns dos prezos da electricidade máis altos de Europa e, segundo o Foro Económico Mundial, a industria paga o quinto prezo máis alto nunha comparativa de 115 países.

A todo isto, témoslle que engadir, a partires dos próximos recibos e durante un ano, o suplemento territorial, sendo Galiza a comunidade onde máis repercutirá.

Galiza leva décadas sendo un territorio especializado na xeración eléctrica, exportadora neta ano tras ano, sen ningunha compensación e, agora, temos varias industrias importantes en perigo polo prezo da luz (como Alcoa ou Ferroatlántica). Modificándose o funcionamento do sector eléctrico hai marxe para baixar os prezos da luz e, tamén para que Galiza, como produtora, saia beneficiada. Só depende de decisións políticas, tanto en Compostela como en Madrid.