José González: «Hai que recuperar o orgullo de vivir no rural e do rural, gañando cartos»

Mario Beramendi Álvarez
Mario Beramendi SANTIAGO / LA VOZ

ECONOMÍA

PACO RODRÍGUEZ

O responsable da política agraria aposta por mobilizar parcelas rústicas co criterio que fixe a demanda

06 may 2019 . Actualizado a las 19:45 h.

Inspector fiscal en excedencia, e vencellado a unha familia do sector vitivinícola no Ribeiro, José González (Ourense, 1970) leva seis meses de conselleiro.

-Fálase moito da «España baleira» en referencia ao campo. Hai unha Galicia baleira?

-Hai unha preocupación clara polo tema demográfico. Se o 97 % de Galicia é rural, pois temos un problema de demografía. Pero non hai recuperación do rural sen unha actividade económica rendible. E iso contribuirá a recuperar a natalidade.

-En que medida o minifundio e a fragmentación da propiedade son impedimentos para ese obxectivo?

-No leite, no viño ou na carne xa temos actividades viables. Pero hai que loitar por que haxa máis. O rural non pode ser un xardín, senón un lugar no que a xente viva. Hai que recuperar o orgullo de vivir no rural e do rural, cun traballo rendible, gañando cartos. Hai que abandonar a idea de que se vai ao rural se non hai traballo noutro sitio. E isto enlaza coa pregunta. Se vai haber máis actividade, precísase máis base territorial. E somos unha comunidade minifundista, a que máis, con once millóns de parcelas rústicas. O problema é que hai unha parte importante das mesmas en que non se dá localizado ao dono. E isto impide mobilizar a terra.

«Temos un sector lácteo punteiro, que só en orixe factura 850 millóns de euros»

-Isto é un mal diagnosticado hai moitos anos e dá a sensación de que se perdeu o tempo. Que pensan facer?

-A mentalidade dos galegos dificultou atacar este problema. Pero hoxe hai unha percepción nova de que as parcelas no rústico son unha carga. Porén hoxe pódense facer cousas que antes non.

-Como por exemplo?

-Estamos a traballar nunha lei co grupo parlamentario popular para a posta en valor e recuperación da terra produtiva de Galicia. Trata de pór en marcha instrumentos para recuperar a base territorial. Cantas máis ferramentas, mellor. Porque non é a mesma problemática no norte de Lugo que a do interior de Ourense.

-Non fan falta incentivos fiscais?

-Sen ningunha dúbida. Pero vou máis alá. Hai que ordenar o territorio de xeito integral: compatibilizar os usos agrarios, gandeiros e forestais. Coñecendo iso, mobilizarase a terra a disposición de quen queira facer unha actividade rendible.

-Pero como?

-Pode haber permutas voluntarias incentivadas, e tamén están os chamados polígonos agroforestais.

«Estamos a traballar nunha lei para a recuperación e posta en valor da terra produtiva»

-En que van consistir?

-É unha figura coa que a Xunta vai delimitar espazos amplos en zonas de boa calidade agronómica. E vanse deseñar segundo a demanda empresarial ou dos produtores. Ten que haber unha necesidade de terra. E o polígono será unha superficie ampla, dedicada a cultivos de alto valor engadido e con parcelas que teñan un tamaño suficiente, que garantan a rendibilidade. A Xunta vai poder comprar e vender terra nestes polígonos. E vai poder xestionar tamén as parcelas dos propietarios descoñecidos. Non se trata de traer empresas de fóra, senón de mellorar as condicións dos que viven nese territorio.

-Está o sector lácteo galego preparado para afrontar unha nova crise de prezos?

-É unha actividade que só en orixe factura 850 millóns, sen transformación, con 7.000 gandeiros empresarios, cun nivel de profesionalización e modernización altísimo e cunha enorme seguridade alimentaria. É un sector punteiro. Dito isto, temos que avanzar nalgúns aspectos. Por exemplo, teñen que crer que son empresarios. E, en troques de falar tanto dos prezos, facelo de custos de produción e de marxe de beneficio. E esta é unha reflexión para a toda a cadea, incluídas a industria e a distribución.

«A saída de Ence custaría 150 millóns en rendas ao rural»

 Galicia é unha potencia forestal, pero aínda así ten boa parte do seu monte infrautilizado.

-Por que decidiron desligar a xestión da política forestal da extinción dos lumes?

-Houbo unha reflexión sobre isto, que nos levou a entender que un monte limpo, con biomasa controlada e ordenado, é a mellor base natural contra os incendios. Un monte ben explotado, con actividade agrogandeira, é un freo ao lume. Agora ben, nós apostamos pola prevención sen descoidar a extinción, onde temos un gran servizo.

-Como valora as últimas noticias de Ence?

-Nós estamos preocupados, porque é unha decisión que pon en dúbida a seguridade xurídica dos investimentos no nosa terra. En segundo lugar, foi unha decisión tomada polo Goberno sen coñecemento coa Xunta. E está poñendo en perigo os postos creados pola empresa e todos os indirectos asociados, que son uns 5.000. En Galicia, ademais, cada ano, oitenta mil familias reciben ingresos das cortas de madeira, e o 60 % das cortas proveñen do eucalipto. Estamos a falar dun volume moi importante de renda que vai á xente do rural, a eses propietarios pequenos. A saída de Ence custaría máis de 150 millóns de euros, que deixarían de ser percibidos por cidadáns galegos do medio rural.

-En que fase está o Plan Forestal de Galicia?

-Dentro da liña de planificación forestal, este plan ten que ser o instrumento que deseñe esta estratexia para os próximos 20 ou 30 anos. Ten que ser un documento reflexionado, tomando en consideración a todos os axentes. O plan recolle un modelo de monte multifuncional, no que se busque unha diversidade de especies e a súa sostibilidade medioambiental e tamén económica. Agora está en fase de alegacións, e ao longo deste ano verá a luz, previo paso polo Parlamento galego.