Noa Presas: «Hai un rearme do machismo e Vox obedece a ese contexto»

Manuel Varela Re DACCIÓN / LA VOZ

ECONOMÍA

Santi M. Amil

A deputada autonómica ourensana do BNG cre que hai un discurso interesado contra o feminismo

09 mar 2019 . Actualizado a las 20:18 h.

O grupo parlamentario do BNG é o único con máis mulleres ca homes. E non é a primeira vez que sucede. «Esperamos que haxa un efecto contaxio e se vexa que hai liderados moi potentes en mans femininas», responde Noa Presas, deputada pola provincia de Ourense. Feminista.

-Ningunha candidata nas xerais agás a de Pacma. Que pasa na política estatal?

-A perspectiva está bastante masculinizada. Unha cuestión é poñer os lazos morados o 8 de marzo e outra ben distinta é que haxa mulleres liderando proxectos políticos. Nós facémolo: hai que predicar co que se fai.

-No BNG non obrigan ás listas paritarias coma outros partidos.

-O que estamos a defender é que as mulleres teñan, cada vez, máis protagonismo nas listaxes electorais e con peso. Non porque haxa que cumprir unha norma estrita ou por cumprir as regras paritarias. É certo que as cotas supuxeron un paso para visibilizar que había unha desigualdade en como se conformaban esas listas, pero pensamos que en absoluto está superado.

-Nace Vox como un contrapunto ao feminismo?

-Hai un rearme do machismo. Non o vemos só en España: aí está o dereito ao aborto na Arxentina, Bolsonaro no Brasil ou o ascenso dos fascismos en Europa. Que Vox se presente con esa cara mais sen censura obedece a ese contexto. Pero as políticas que propón non son tan diferentes do que fai o resto da dereita española.

-Por que esta reacción?

-Hai moitos status cuestionados e cousas que o feminismo quere cambiar de sitio. A folga do 8 de marzo conseguiu situar no centro do debate o sistema económico, algo que en dez anos de crise non conseguira a loita obreira. Ten un potencial transformador enorme. A reacción de todos estes poderes é rearmarse e intentar acoutar o campo de batalla. Nós pensamos que hai un cambio social co que non teñen nada que facer.

-Unha comentarista dixo esta semana: «Non son feminista, son feminina». Falta pedagoxía?

-Creo que hai ignorancia nunha parte, pero tamén premeditación. Hai un discurso moi interesado dende o propio machismo, o patriarcado, en facer ese tipo de aseveracións. Dar a imaxe de que o feminismo divide, cando o que fai é igualar a sociedade. Estas afirmacións poden parecer unha simpleza, pero tamén hai unha intención de ir anulando o feminismo. Iso non lles está a funcionar.

«Existe un discurso moi interesado en dar a imaxe de que o feminismo divide»