Juan Carlos López Corbacho: «Alcoa, que marche, e que lle deixe as fábricas ao Goberno para que as venda»

Os 369 operarios da planta da Coruña, cuxo comité de empresa preside Corbacho, afrontan quizais as súas derradeiras semanas de traballo


redacción / la voz

Juan Carlos López Corbacho preside dende o 2015 o comité de empresa da fábrica de Alcoa na Coruña, na que traballan 369 operarios. A compañía quere botalos a todos e pechar a planta xa.

-Como están os ánimos entre os traballadores? Vense na rúa ou cren que Alcoa está lanzando outro farol para conseguir máis cartos públicos?

-Cada día están máis mentalizados de que esta é unha situación moi moi crítica. Alcoa ten a tixola polo mango e o Goberno está facendo poucas cousas.

-Entón o peche é irreversible?

-É reversible. Hai dúas maneiras de reverter esta situación: Alcoa debería ser honesta, se é que pode, e dicir que se quere ir, pero non pechar as plantas. O que ten que facer é retirar o expediente, dedicar o custo de desmantelar todo isto a investir nas instalacións para que o Estado intente vendelas. A empresa, que se vaia, que deixe ao Goberno xestionar todo isto, e darlle tempo para buscar un comprador.

-Visto o visto, queren que Alcoa marche?

-Si. Alcoa xa non é válida para aquí: ten os seus intereses noutras localizacións.

-Como foi como patrón?

-Malo. Foron vinte anos aplicando un plan estratéxico para facerse con todo o mercado de produción do aluminio.

-Cren que Alcoa inventa as causas do despido colectivo?

-Máis que inventalas, fórzaas. Alcoa, no canto de facer un informe técnico para xustificar este ERE, comprouno, dando datos nesgados, os que lle interesaban, para tratar de xustificar o peche destas plantas neste momento, no que a situación lle é favorable.

-E logo?

-Alcoa leva intentando pechar as plantas dende o 2011, máis ou menos, pero nunca tivo un pretexto para facelo. Intentouno no 2014, pero retirou o ERE porque se lle acabaron os argumentos. Agora volve facelo porque hai unha situación conxuntural no mercado. O parón dunha planta no Brasil provocou un desabastecemento mundial e que a alumina triplicase o seu prezo. Agora é onde está o negocio. Este encarecemento provocou aquí, na Coruña, que comprar alumina para fabricar aluminio supuxera un sobrecusto de 34 millóns de dólares. Pero é unha situación puntual. En todo caso, Alcoa, como primeiro produtor mundial de bauxita e de alumina, ten capacidade para manipular o mercado, e estase aproveitando. A riqueza do grupo é a mesma, pero está pasando os cartos do cuarto do aluminio ao da alumina.

-A empresa di que as plantas da Coruña e de Avilés levan anos dando perdas.

-Levan moitos anos dando ganancias, dan perdas desde que Alcoa non nos deixa voar. No 2012 decidiu baixar produción, estamos ao 65 %, e no 2009 pecharon unha serie. Estamos aquí porque Alcoa quere, porque non fai inversións de futuro.

-Dicía ao principio que o Goberno está «facendo poucas cousas»: que debería facer para que Alcoa non pechase?

-Ten que facerse cargo das factorías, dicirlle claramente a Alcoa que isto non se pecha, que asume a xestión das empresas e que ela marche cando queira. Calquera inversor que veña toparase cunha compañía que non quere vender, por iso di que as plantas non valen para nada, para que ninguén llas compre. Alcoa vai cunha prepotencia tremenda e o Goberno ten que pasar á acción.

-Con máis subvencións, Alcoa seguiría aberta?

-Posiblemente, pero se hai cartos e non inversións, volveriamos á mesma situación en pouco tempo. Aquí necesitamos un inversor que queira traballar.

-Alcoa, e outras grandes industrias, reciben incentivos eléctricos millonarios: realmente son precisos?

-Si, claro, fan falla para ser competitivos, porque a electricidade a prezos de mercado, sobre todo en España, é inviable para calquera industria; e agora, que está tan cara, nin sequera chegan os incentivos. Todos os países teñen mecanismos de compensación, hai que telos, o noso é a poxa, que funciona bastante mal. Pero o problema de Alcoa non creo que sexa polo prezo eléctrico.

-Quen podería querer comprar dúas fábricas de aluminio primario?

-Calquera competidor de Alcoa. Sabemos que hai interese por parte de varios grupos, máis de tres, para as dúas fábricas, pero non sabemos moito máis. Xa lle pedimos ao Goberno que nos deixe estar nesas negociacións, porque somos os que mellor coñecemos as plantas.

-A fábrica de aluminio de San Cibrao líbrase do peche: que cre que lle deparará o futuro?

-Alcoa di que A Coruña perdeu este ano 42 millóns de euros; Avilés, 40; e San Cibrao, 53,8. Como non espilan os que teñen que tomar decisións, Alcoa vai acabar con todos nós e deixar un deserto. Con esta compañía ninguén está a salvo.

-O xoves que vén, en teoría, é a última reunión do período de información e consultas. A empresa aceptaría prorrogalo ata o 15 de xaneiro, pero se os sindicatos presentan un plan social para os despedimentos, que vai pasar?

-Non imos poñer prezo aos despedimentos. Un plan social non é botar a xente nin darlle unha axuda, senón traballo. Falar de cartos igual non lle importa, pero para nós non é un problema de cartos: queremos a continuidade da planta porque é rendible.

-O 15 de xaneiro, que?

-A reforma laboral permítelle despedirnos.

-E vaino facer?

-Pode facelo, pero non sabemos se o vai facer ou non. Isto é Alcoa, esta xente de sentimentos entende moi pouco, veñen ao negocio e xa está.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
16 votos
Comentarios

Juan Carlos López Corbacho: «Alcoa, que marche, e que lle deixe as fábricas ao Goberno para que as venda»