María Dolores Calvo Méndez: «Se queremos ter un país onde vivir, temos que loitar por el»

ECONOMÍA

XOAN CARLOS GIL

Defende o campo galego, fértil e onde se pode producir case calquera cousa, pero non en grandes cantidades

17 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ten voz firme, xesto de muller forte, comprometida co seu país e ideas claras. Verbalízaas de forma exacta e precisa, como mestra que é. O seu sorriso rompe calquera primeira impresión de dureza. María Dolores Calvo Méndez é a presidenta da cooperativa Condes de Albarei, propietaria de Pazo Baión. Esta empresa recolle máis de tres millóns de quilos de uva ao ano, cos que se fan pouco máis de dous millóns de litros.

-[Empeza a entrevista deixando claro o seu papel]. Ao ser cooperativa, os que teñen que levar o peso da empresa son as persoas que están preparadas para iso. Non son empresaria e os meus compañeiros tampouco. É o xerente o que leva o peso, e os equipos de cada departamento. Evidentemente, nós temos que estar ao tanto do que se fai e tomar decisións. A maioría dos viticultores non facemos este traballo a tempo completo porque non temos extensión para poder vivir da viña. Xa nos gustaría. Así que hai xente que traballa no mar, na horta, na construción...

-E vostede? Cantos traballos ten?

-Eu traballo teño o que me dá de comer [primeira gargallada]. Dedícome ao ensino. Son mestra, pero traballo no instituto de Pedras Rubias en Salceda de Caselas. Estou no primeiro ciclo da ESO. Este é o traballo, o que me gusta... Teño a gran sorte de facer dúas actividades que en verdade me apaixonan: o ensino, que non renunciaría a el, e o campo. Coidar a viña asimílase co traballo no ensino. Contribúes, formas, vas vendo como a viña progresa, é algo no que participas. E cos nenos igual. Cando ves que veñen e xa son pais de familia, e velos felices, que se desenvolven coa súa familia... Que orgullo, que satisfacción.

-É boa comunicadora.

-Se no ensino non comunicas, se non enganchas cos alumnos, esquécete. Dou matemáticas. A ver quen se pon a explicar ecuacións se antes non consegue enganchar con algún chiste ou algunha parvada... Con adolescentes, esa idade marabillosa, que espero que se cure, porque teño algúns na casa e ás veces [outra risada]... Gústame moito o trato coas persoas, por iso me gusta a cooperativa.

«Quen se pon a dar matemáticas se non logra enganchar antes cun chiste ou unha parvada?»

-Entón traballa na viña, na educación...

-Sexamos sinceros, con estas mans [levántaas e vense perfectas] á viña non se vai. Colaboro co meu irmán. Temos en Meis unha hectárea, nada máis. Somos minifundistas. E esa cantidade está por riba da media do que teñen a maioría de socios na adega.

-E traballa na casa, imaxino. Casada e con fillos?

-Non. Solteira, teño un fillo adoptado, que acaba de cumprir 18 anos e adopteino cando tiña cinco en Colombia. O que pasa é que na casa somos unha unidade familiar un pouco peculiar. Antes de adoptar o rapaz, xa convivía en Vigo cos padriños do meu fillo. Eu tamén son a madriña dos fillos deles. Teñen unha nena, que ten 20 anos, e un rapaz máis pequeno, que ten 13. Para min, teño tres fillos. E seguimos vivindo con eles. Temos dous pisos unidos e convivimos todos, e mais a avoa, a nai da miña comadre.

-É dicir, traballa en Salceda de Caselas, a onde vai todos os días dende Vigo. Tamén vai a Meis as fins de semana e varias tardes de luns a venres. Iso só o poden facer os profes, porque...

-Non, non. Iso pódeo facer calquera que queira. A primeira vez que me propuxeron para o consello reitor dixen que non podía ser, porque se necesitaba xente con máis dispoñibilidade. Pero fixéronme reflexionar dicindo que a que máis colaboraba era eu. Hai xente que vive ao lado, que ten a mesma profesión ca min... Todo na vida ten que ilusionar, tes que crer nun proxecto... Para min o mais importante de Condes de Albarei é a masa social que hai detrás.

-Que pensa do campo galego?

-As cooperativas teñen un labor fundamental. O campo galego ten moitas posibilidades, pero somos minifundio. Se non lle dás unha saída, se a xente non ten unha repercusión económica, o campo quedará abandonado. E temos terreos fértiles que poden producir case calquera cousa. Non temos cantidade. Non somos cultivos extensivos e témonos que adaptar: conseguir xuntar a 400 viticultores, incorporar xente nova á actividade.

-Pero se se di que o campo galego está abandonado... En Galicia non nacen nenos, todo se concentra en Madrid e Barcelona...

-Os que temos as raíces aquí, queremos marchar a Madrid ou a Barcelona? Se queremos ter un país no que vivir temos que loitar por el. Calquera cousa que fagas para mellorar a situación económica da xente que te rodea é crear país, é investir aquí. Cando apostamos en Condes de Albarei por facer o proxecto de Pazo Baión foi un esforzo moi importante cunha ampliación de capital. Na poxa pública saíu en 15,1 millóns de euros e despois tivemos que acometer a reforma, e só na primeira fase gastamos outros 6 millóns.

-Que sente cando entra alí, na que foi a mansión dun narco?

-Moito orgullo. Pensar que xente moi humilde e traballadora foi quen de xuntarse e levar para adiante un proxecto como Pazo Baión. Dise que en Galicia somos moi individualistas, pero creo que non é verdade. É preciso presentarlle á xente proxectos que lle van axudar. Tamén penso que necesitamos autoestima, crer en nós. Os galegos somos capaces de facer. Con sacrificio, con esforzo, con ilusión. Cando ti invistes nun patrimonio e nun proxecto, estalo a facer para as xeracións vindeiras porque isto [a vida] é efémero. Estás deixando unha pequeniña pegada.

«Dise que en Galicia somos moi individualistas. Creo que non é verdade»

-En Pazo Baión teñen un compromiso de contratación de persoas que nun momento caeron nas drogas e que están rehabilitándose. A vostede, que lle din? Que lle impresiona máis?

-Están moi agradecidos por poder volver a sentirse parte da sociedade. Ter un traballo e levar un soldo a casa é o que lles pode permitir non caer en temas...

-Teñen varias referencias en Condes de Albarei e Pazo Baión. Cal é o viño que máis lle gusta?

-Todos. Ti escolles entre os teus fillos? [Nova gargallada]. Cada un ten as súas virtudes.

«Ti escolles entre os teus fillos? Pois cos viños igual, cada un ten as súas virtudes»

-Emborrachouse algún día?

-Creo que non... Eu bebo viño ou algunha cervexa. Nunca licores, porque noto que non me sentan ben. Pero o viño é para gozar, compartir, é algo moi humano.

-Que pensa dos viños que custan 400 euros unha botella?

-Coma todo. Hai quen ten caprichos. O bo viño non está no prezo. É aquel que che gusta, que te fai sentir ben. Eu non me considero especialista en viños. Sei o que me agrada e o que non, o que me gusta ou non. Gústame probar, catar. Ás veces hai caprichos. Penso que non hai distancia de calidade proporcional ao prezo. Entre un viño de 40 euros e outro de 400 quizais a diferenza sexa pequeniña.

-Un viño dun euro pode ser bo?

-Un albariño, un denominación Rías Baixas, non. Non poderías elaboralo, teríalo que regalar: cápsula, cortiza, botella, etiqueta, contraetiqueta, e non podes pagar o quilo de uva a dous euros ou a 1,50 e cobrar pola botella un. Non sería viable.

-Ten no móbil algunha aplicación de valoración de viños?

-Non, pero á adega chega moitísima información. Eu infórmome cando vou tomar un viño, e valoro moitísimo a relación calidade-prezo.

-Por que a cortiza é un elemento tan importante?

-É un elemento natural, vivo. Para o viño é o mellor, pero ten que ser magnífico. Aínda así tes que contar cunha porcentaxe que pode estragar o viño. Non son feitas en serie. A cortiza desenvólvese de distinto xeito. É a mellor se o viño serve para gardar. Se non, utilízanse outros elementos. Os americanos piden rosca. Nós somos mais románticos, menos prácticos.

-É feminista? Cre nas cotas?

-Son persoa que cre que as persoas están capacitadas por igual. Se iso é ser feminista, si. Sobre as cotas, creo máis na proporcionalidade.

 

DNI DA EMPRESA

Quen son

Cooperativa vitivinícola de 400 socios produtora de albariño, con mercado nuns 40 países

Facturación

8 millóns de euros

Empregados

30 persoas (175 en vendima)

Domicilio social

Cambados (Pontevedra)