José Ángel Blanco: «Aspiramos a unha cooperativa láctea galega que compita a nivel global»

Tras crear a grande cooperativa galega, o presidente de CLUN di estar aberto a máis alianzas: «Outros países lévannos cen anos de vantaxe»

«As empresas están investindo en Galicia, ven futuro»

ribadeo / la voz

José Angel Blanco, gandeiro de profesión cunha explotación en Xermade (Lugo), e primeiro presidente da gran cooperativa galega CLUN, froito da integración hai un ano de Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto. Tras CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas) hai 3.800 cooperativistas e moita ilusión, o xermolo dun cambio no campo galego. «Xuntos podemos facer máis», razoa. E por aí vai o camiño. Dío un home que fala con paixón da súa profesión, que fuxe da resignación e do vitimismo, e que defende con convicción o futuro do sector. José Ángel Blanco defínese como gandeiro vocacional.

-¿Que balance fai do primeiro ano de CLUN?

-Positivo. Todas as postas en marcha son complicadas, porque aínda que estaba todo máis o u menos deseñado e estudado, sempre xorden cousas. Falamos de tres cooperativas, tres formas de traballar, tres culturas diferentes que hai que ir encaixando. CLUN foi o resultado dunha longa reflexión, despois da boa relación e confianza que se xerou durante os anos de compartir traballo desde a adquisición de Clesa. CLUN naceu con vocación de ser operadores do sector lácteo galego, potenciándoo, dándolle futuro e rendibilidade, desde unha visión da economía social, xa non só como estratexia de desenvolvemento rural, senón como modelo empresarial que favoreza o retorno do investimento, con ganderías eficientes, unha industria competitiva, a capacidade de operar nos mercados...

-A inversión prevista esta ano, ¿executouse?

-Si. Superou os 5,4 millóns de euros, principalmente nunha nova liña de envasado de leite das nosas marcas, maquinaria diversa e en tecnoloxías da información.

-¿Obxectivos para este 2018?

-Dar servizo aos nosos socios para facer as explotacións máis rendibles e seguir potenciando as nosas marcas, Clesa, Feiraco, Arquega, Únicla. Son obxectivos orientados a mellorar a rendibilidade do sector desde todos os puntos de vista, e en contextos de mercado diferentes, favorables ou non ao prezo do leite. Todo parece indicar que temos que acostumarnos a prezos volátiles do leite en función da oferta e a demanda, de modas... Pero se somos eficientes e competitivos, se melloramos os nosos custos e servizos, daremos estabilidade aos nosos socios e manterémonos no mercado.

-¿A creación de CLUN contribuíu a mudar a imaxe e o pensamento do campo galego?

-Si, estamos ante un proceso de cambio. A economía e o mundo empresarial está enfocado a cada vez maiores estruturas. Isto unido á desaparición das cotas lácteas (que era un dereito que os gandeiros tiñamos á recollida do noso leite), fixo que apareceran fusións, integracións, cooperativas, e que ademais apareceran tamén diversas participacións en proxectos industriais.

-Tras CLUN chegou Aira, froito da fusión de Agris, Icos, Coelplan e Aira. ¿É ese o futuro? ¿Chegaremos a ver unha fusión de CLUN e Aira?

-Estamos totalmente convencidos do papel da economía social e do cooperativismo nunha economía desenvolvida. Moitas das primeiras empresas lácteas do mundo son cooperativas, simplemente lévannos anos de vantaxe en canto a estrutura e dimensión empresarial, probablemente porque actuaron ante os problemas do sector de maneira correcta, afrontándoos e tomando decisións empresariais. É coñecida a posición de CLUN de aspirar a que en Galicia dispoñamos dunha cooperativa de dimensión suficiente para competir a nivel global. Isto é válido para calquera proxecto de colaboración coa industria, que sen dúbida será cada vez máis frecuente. Somos unha cooperativa aberta a todo tipo de alianzas que xeren valor para a produción láctea e para os nosos socios, os gandeiros.

«As empresas están investindo en Galicia, ven futuro»

Mediaticamente, o nacemento de CLUN relacionouse co xermolo do gran grupo lácteo galego. José Ángel Blanco sempre fuxiu dese tópico, moderando a expectación, dicindo que ese era un obxectivo a longo prazo. «Antes de crear CLUN -conta- visitamos cooperativas en tres países europeos, en Francia, Holanda e Dinamarca. Sobre todo nestes dous últimos falamos de cooperativas con miles de traballadores, presentes en cen países, e cando lles preguntábamos pola súa historia, víamos que naceron fai 150 anos. Agora vémolas feitas, pero cando falamos de Irmandiños ten 40 anos de historia. Feiraco, 50. Eles lévannos cen anos de vantaxe. Esperemos que non nos fagan falta cen anos para facer un grupo lácteo. Estamos niso, dando pasos.

-Ante a falta de relevo xeracional nas granxas que se da en moitas comarcas galegas, ¿como ve o futuro do sector? ¿Seguirán pechando granxas?

-Sen dúbida, seguiran pechando granxas. Este non é un fenómeno de agora, ocorre dende fai moitos anos. A economía está a cambiar cara a estruturas mais grandes, e o campo non pode quedar á marxe. As ganderías serán cada vez mais grandes e seguiremos medrando na produción de leite como ben ocorrendo nos últimos anos. Sobre o futuro, son totalmente optimista. Cando puxeron as cotas díxose que o sector ía desaparecer. Pero en Galicia fomos comprando cota, amortizamos as inversións e, aínda que con menos gandeiros, prodúcese máis leite. A min danme confianza os proxectos que está habendo en Galicia, de novas cooperativas como CLUN, Aira ou Celega, e tamén de industriais. A fábrica que está a implantarse en Teixeiro, Entrepinares está facendo unha inversión moi potente, Celta tamén... Ves que as empresas invisten, e se o sector non tivera futuro non o farían. Galicia é unha das principais rexións europeas produtoras de leite.

-¿Sacará ao mercado CLUN unha nova marca de leite que identifique á cooperativa?

-Entre os obxectivos de CLUN non só está comercializar leite. Queremos facer da actividade gandeira unha actividade rendible, con servizos técnicos, asesoramento, xestión técnico económica, subministros competitivos... Isto axudará a dar vida ás aldeas e ao medio rural. En canto á comercialización de leite, queremos seguir crecendo e potenciando as nosas marcas. Con Únicla, por exemplo, acabamos de ampliar a gama de produtos sacando ao mercado a manteiga e leite fresca, e seguiremos nesta liña, investigando e sacando produtos novos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

José Ángel Blanco: «Aspiramos a unha cooperativa láctea galega que compita a nivel global»