«Se non vivise co fillo e a nora, non podería comer»

Lucía Rey
Lucía Rey VIVEIRO / LA VOZ

ECONOMÍA

PEPA LOSADA

Esta viveirense critica que lle suban a pensión «5 euros cando a vida sube 40»

29 oct 2017 . Actualizado a las 08:20 h.

Cando tiña 14 anos, os seus pais quitárona da escola. «Dixéronme que era para darme un oficio, e o que fixeron foi poñerme a servir en casas. Traballei de fregona e coidando cativos toda a vida. Sempre estiven traballando», recorda María del Carmen Rodríguez Castro. Agora que ten 73, esta xubilada de Viveiro, a quen moita xente coñece como Xuliana, volve enfrontarse a unha realidade que non esperaba. «Se non vivira co meu fillo e a miña nora, non podería comer ben. Eles me visten, me calzan e me dan de comer», explica a pensionista. Afirma que cobra 700 euros de pensión, pero asegura que esa cantidade apenas lle chega para pagar os recibos de contribución, comunidade, luz e auga do piso que ten no centro de Viveiro, e que tivo que abandonar hai varios meses tras sufrir dous ictus que puxeron contra as cordas a súa saúde. «Caín e quedei sen sentido, os médicos dixeron que non podo vivir soa», comenta. Desde entón vive na parroquia de Magazos. Moitos días recorre a pé, pasiño a pasiño e facendo moitos altos, os dous quilómetros que separan a súa nova residencia do club de xubilados de Viveiro.

«Antes con 10.000 pesetas aínda facías algo»

María del Carmen razoa de maneira curiosa as subas da pensión: «Este ano subíronme 5 euros, pero a vida subiume 40». E resalta: «Antes con 10.000 pesetas aínda facías cousas, pero agora con 50 euros non fas nada. Vánseche na carne». «E co de Cataluña vexo a situación moi mal, porque van baixar as pensións. Se son a que mando, métoos a todos no cárcere».