Alfredo Ramos: «Xa estamos preparando o salto a León»

El director xeral da operadora galega R asegura que, trala compra por parte de Euskaltel, a galega mantén a autonomía en todo o relacionado cos seus clientes


redacción / la voz

Alfredo Ramos González (A Coruña, 1972) é dende decembro director xeral da operadora galega de cable R, con sede na Coruña, pero é un home da casa de toda a vida.

-Entrou en R hai case 20 anos, cando naceu a operadora: ¿imaxinaba que ía chegar ao máis alto?

-Non é algo no que penses cando empezas. Aínda que dende o principio vin que ía ser un proxecto relevante para o noso país, pero para nada pensaba onde ía estar vinte anos despois.

-R ten agora case 300.000 clientes. ¿Como foi o camiño ata chegar aquí?

-Houbo varios fitos que marcaron a nosa historia. En 1999 lanzamos a marca, que é moito máis que unha letra, é un xeito diferente de facer as cousas que nos permitiu tratar de ti a ti ás grandes multinacionais do sector. A partir de aí, veu o desenvolvemento da rede, especialmente dende o 2001. Despois chegaron cinco anos de forte crecemento nas cidades, que logo completamos coa extensión de redes troncais de banda larga, que, coa colaboración da Xunta, estendemos ata os 101 concellos galegos nos que estamos na actualidade. En decembro do 2007 houbo outro fito importante, que foi a incorporación dos servizos móbiles á nosa oferta. Hoxe, case dez anos despois, podemos dicir que somos líderes en cota de mercado alí onde estamos con rede de fibra en teléfono, Internet, televisión e móbil.

-¿Cara a onde vai a expansión?

-Estamos a despregar nova infraestrutura de rede: co plan de banda larga en polígonos da Xunta estamos levando redes ultrarrápidas a 81 parques da nosa comunidade, que terán entre 100 e 250 megas, cando hoxe teñen 30 ou menos de velocidade. Tamén queremos seguir expandindo fibra ata o fogar (FTTH), a 40.000 domicilios novos, que imos abordar dende finais deste ano co plan Avanza do Goberno. E xa estamos preparando tamén dar o salto a provincias limítrofes, que de xeito natural poderían acompañar o noso crecemento orgánico.

-¿A que provincias?

-A León, onde queremos ofrecer os nosos servizos a través de redes de terceiros.

-Neses plans de crecemento ¿perseguen captar novos clientes ou mimar aos que xa teñen?

-Hai que combinar ambos obxectivos, incorporamos novos abonados todos os anos, e ampliamos a carteira acadando catro servizos por cliente.

-Hai unhas semanas anunciaron a contratación de 14 novos traballadores este ano: ¿como vai o proceso?

-Temos 14 vacantes que supoñen incrementar o persoal actual nun 8 %. Estanse a cubrir, pero aínda non están todas. Unha porcentaxe delas son para novos talentos de carreiras técnicas. Precisamos comerciais de grandes contas, para enxeñaría e xestión de clientes, big data...

-¿Algún outro ano se crearon tantos postos de traballo así de golpe?

-Aparte de cando empezamos, outro momento importante foi cando incorporamos o servizo de móbiles, pero entón houbo máis movementos horizontais, o 25 % da xente cambiou de departamento.

-Viviu en primeira persoa todas as etapas polas que pasou R, estivo con CVC, agora con Euskaltel: ¿que diferenzas principais hai entre as distintas épocas?

-A principal é que ata agora traballábamos solos. Sempre tivemos un conxunto de accionistas esixentes que confiaban no equipo de xestión. O accionariado foise movendo, pero o equipo de xestión permaneceu.

-Quere dicir que CVC non se metía no día a día.

-Todos os fondos se meten máis ou menos, pero os conselleiros, en xeral, non están para dicir que tes que facer, aínda que os hai máis ou menos preguntóns. Es ti o que tes que expoñer os teus plans para acadar os obxectivos do plan estratéxico. Agora estamos nun grupo (Euskaltel) no que, independentemente de quen comprase a quen, nos tratamos de igual a igual, no que R ten un peso do 44 %. É a primeira vez que temos a oportunidade de facer máis cousas con máis xente, temos os mesmos problemas en territorios diferentes.

-¿Como foi a reorganización de R trala compra por Euskaltel?

-O que estamos a facer é especializar os equipos para acometer novos proxectos, para que dous non fagan o mesmo traballo. En Galicia levamos todo o desenvolvemento de produto de empresas, e de residencial nos dan servizo dende Derio (Bilbao). Tamén aproveitamos as economías de escala que nos facilita o grupo para negociar mellor os prezos de interconexión para dar máis datos aos clientes.

-¿Que áreas entón se coordinan dende Galicia e cales dende Bilbao?

-Compartimos as áreas corporativas típicas: finanzas, recursos humanos, redes, sistemas... A partir de aí, a responsabilidade de negocio de R é de R, e a responsabilidade de negocio de Euskaltel é de Euskaltel.

-Por exemplo, ¿onde e quen decidiu contratar esas 14 persoas novas en R?

-Todas as decisións importantes van ao consello de administración, é o máximo órgano de decisión do grupo. Pero nós propoñemos unha estrutura e unha organización de persoas, e as vacantes están aí porque as propuxen eu a partir dunhas necesidades concretas.

-Entón si teñen que render contas a Euskaltel.

-Non é render contas. R ten que achegar valor dentro do grupo. Xestión de clientes, xestión de carteiras... Todo o que ten que ver co cliente decídese aquí, en Galicia. Aquí están representadas todas as funcións corporativas do grupo, a dirección xeral de R está aquí. En Galicia reúnese o comité de dirección do grupo unha vez ao mes, e o consello de administración, unha ao ano. Agora, se imos desenvolver un produto novo, facémolo conxuntamente para buscar esas economías de escala.

-O grupo vendeu o seu nomeamento como un signo da súa aposta por manter a galeguidade de R. Pero ¿é que R é galega?

-Pois unha empresa que investiu 1.200 millóns en Galicia, que xera 1.700 empregos directos e indirectos, con 297.000 clientes, que paga aquí os impostos, e con sede aquí... Somos todo o galegos que podemos ser, si. A miña pelexa é que R sexa o máis grande posible dentro do grupo, á marxe de quen posúa o capital.

-¿Que vai supoñer para o grupo a compra de Telecable?

-Imos ser un grupo máis grande, con máis xente para facer máis cousas e dar mellores servizos. O importante é acadar un tamaño que nos axude a seguir innovando máis rápido que os grandes.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Comentarios

Alfredo Ramos: «Xa estamos preparando o salto a León»