O galego, un punto forte para ter empresas máis competitivas

Comezan as reunións de traballo para dinamizar e ampliar o uso da lingua do país no tecido socioeconómico


Santiago / La Voz

Estender o uso do galego na imaxe e na rotulación das empresas, asociar o uso desta lingua a produtos locais e de proximidade, fomentar a etiquetaxe galega ou promover a utilización do dominio .Gal nas webs das empresas. Son algunhas das medidas que recolle o Plan de dinamización da lingua galega no tecido socioeconómico 2016-2020, que xa se aprobou no Consello da Xunta e agora comeza a súa implementación. 

Onte levouse a cabo a primeira reunión de traballo entre os axentes implicados e os responsables da Consellería de Educación e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, para debater como aplicar as medidas recollidas no documento. Participaron os representantes de quince entidades, entre asociacións de empresarios ou compañías particulares, en concreto as que foron máis participativas coas súas propostas na elaboración do plan. El Corte Inglés, Aenor, o Foro Enrique Peinador, a Confederación de Empresarios de Galicia, Anfaco ou Feiraco foron algúns dos colectivos representados. Esta foi a primeira dunha serie de reunións cos axentes que fixeron aportacións ao texto.

O obxectivo é que a empresa galega sexa máis competitiva facendo uso da lingua. «Potenciar a nosa lingua pode provocar un efecto positivo no mundo empresarial, xa que xera un factor diferencial nun mundo tan globalizado como o que vivimos», explicaba antes do encontro o conselleiro de Educación, Román Rodríguez. Non so iso, senón que se trata dunha porta aberta a todo o mercado da lusofonía.

Aínda que o galego é a lingua máis empregada no traballo a nivel oral, tanto entre compañeiros como cos superiores e coa clientela, os estudos existentes reflicten que este uso non se traduce nin nas comunicacións escritas das compañías, nin nos documentos oficiais. O castelán é maioritario entre as empresas, tamén no comercio, e na banca a comunicación exterior das entidades financeiras realízase na maioría dos casos en español.

O plan ten un período de vixencia de cinco anos e máis de cinco millóns de euros de orzamento, dos que case dous son de Política Lingüística. A inversión prevista para o 2016 é de 877.728, e máis do 960.000 no 2017. Para elaborar estas propostas recibíronse unhas trescentas aportacións de todos os axentes do ámbito socioecónomico de Galicia.

En total poñeranse en marcha 81 medidas, que poden ser específicas dun campo económico en particular -por exemplo a construción, a alimentación ou a banca- ou ben de carácter transversal a todos os sectores. As dez áreas que recolle o plan son a hostalería, comercio, alimentación, tecnoloxías da información e da comunicación, construción e inmobles, banca, asesoramento e intermediación, axencias de publicidade, area de traballo e finalmente cooperativismo.

Por exemplo, na banca fálase de estender entre as entidades a práctica de utilizar o galego na documentación contractual, así como atender nesta lingua á clientela dun xeito habitual. No caso da hostalería o plan pretende convencer aos responsables de bares e restaurantes para que usen o galego como factor de calidade e de proximidade; ou na alimentación que as empresas entendan que esta lingua é un factor de distinción do produto fronte a competencia, e que é importante a etiquetaxe nesta lingua. 

Ventá única

Dentro das medidas previstas hai unha serie de proxectos destacados para desenvolver no 2016 e 2017. Un deles é unha ventá única para a lingua, no que todas as empresas poderán atopar recursos para calquera tema relacionado co galego, como tradutores xurados, recursos tecnolóxicos, ou listas de empresas de servizos lingüísticos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

O galego, un punto forte para ter empresas máis competitivas