¿Por que en Galicia non despega o emprego?

Jesús Vázquez Forno OPINIÓN

ECONOMÍA

11 jul 2016 . Actualizado a las 04:00 h.

Coa perspectiva destes últimos anos podemos atopar algunhas respostas a esa pregunta que seguramente se fará vostede, dubidando, como bo galego ou galega, se en Galicia a cousa vai ou non a mellor. Sabemos que estamos perdendo poboación activa, xa que dende o 2012 van aló 60.000 persoas debido ó descenso da natalidade, o envellecemento e a emigración. ¿Cren que iso mellorou as posibilidades de ocupación do resto (1.250.000) dos maiores de 16 anos? A resposta é decepcionante: a taxa de ocupados pasou do 58,9 % da poboación activa ao actual 59,2%, pero moi lonxe do 66 % que acadamos no 2008. O certo é que esta tendencia continúa e que a perda de forza laboral no supón en absoluto mellora nas expectativas laborais do resto da poboación.

Os datos casan: dende ese mesmo 2012 a afiliación á Seguridade Social medrou en Galicia, pero foi amodo, só 12.000 persoas. ¿De onde proceden estes novos empregos? De momento, o sector primario, a industria -salvo a alimentaria-, a construción, o comercio e o sector financeiro seguen a perder efectivos e non contribúen á recuperación, como tampouco o fan as Administracións. No caso dos autónomos as cifras son parellas ás do 2012 (o que demostra o fracaso das políticas de incentivo aos emprendedores).

O emprego estase a crear principalmente na educación (garderías, por exemplo), en servizos administrativos e de información (call centers) servizos sociais e sanitarios (centros de día), servizos profesionais, consultarías e ETT e, en menor medida, na hostalería, actividades de ocio, investigación e no tratamento de residuos. Parece que en Galicia empezamos a asumir dende o 2012 a necesidade de cambiar o paradigma económico, se ben de momento imos con bastante retraso respecto doutras comunidades con máis dinamismo, xa que os sectores tradicionais aínda non superaron o shock da crise. Queda moito por remar como din os vellos.

Jesús Vázquez Forno é Director da Escola de Relacións Laborais de A Coruña.