A eliminación de impostos reactiva a compravenda de terra no medio rural

Mario Beramendi Álvarez
Mario Beramendi SANTIAGO / LA VOZ

ECONOMÍA

miguel souto

Ata o mes marzo, case medio millar de persoas deixaron de tributar pola transmisión de fincas en solo rústico

17 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A estrutura minifundista da propiedade en Galicia, con 1,7 millóns de donos de leiras rústicas, a mentalidade de arraigamento á titularidade das parcelas, a competencia con usos forestais e urbanos, os desequilibrios entre oferta de terra e a baixa demanda polo despoboamento... A lista de factores que explican a baixa mobilidade da terra en Galicia é ampla. E desde hai tempo constitúe un problema estrutural para a mellora da base territorial das explotacións, especialmente de vacún, que non poden reducir máis os custos de alimentación do gando ao non dispor de máis hectáreas para pasto.

No que vai de ano, con todo, apréciase unha reactivación do mercado que coincide co programa de impostos cero no rural, en vigor desde o pasado 1 de xaneiro en relación cos tributos que son competencia da Xunta. Segundo os datos que manexa a Administración autonómica, entre xaneiro e marzo deste ano beneficiáronse 1.223 contribuíntes. En algo máis dun terzo dos casos, trátase de persoas que deixaron de pagar o imposto de transmisións patrimoniais (ITP) pola transferencia de parcelas en solo rústico, un volume de operacións moi superior ao do mesmo período do ano anterior, segundo Medio Rural.

Á eliminación deste imposto, dentro da estratexia da Xunta, engádese que tamén está exenta a transmisión ou ampliación de explotacións agrarias; ata un total de 2.240 agricultores e gandeiros teñen xa solicitadas axudas por este concepto polo que tamén poderán verse beneficiados destas exencións fiscais. As agrupacións de leiras rústicas tampouco pagan o imposto de actos xurídicos documentados.

Dende o pasado 1 de xaneiro, Galicia é a comunidade autónoma que conta cun programa máis amplo de bonificacións fiscais para o medio rural. A ferramenta do Banco de Terras conta a todos os efectos como un receptor agrario, coa mesma condición que un gandeiro ou agricultor, o que significa que a incorporación de leiras a ese instrumento é unha operación na que se aplica a mesma redución na base impoñible.

As cesións ao Banco de Terras das parcelas rústicas adquiridas por doazón ou sucesión poden ser obxecto de beneficio de xeito individual sen ir asociado ao resto da herdanza. E se se realiza unha operación de compravenda dunha leira incorporada ao banco, o imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados está bonificado nun cen por cen, segundo a reforma fiscal da Xunta en vigor dende o pasado 1 de xaneiro.

Á espera de ver cómo evoluciona o resto do ano, o certo é que o 2016 comeza cunha reactivación do mercado de compravenda; nas comarcas gandeiras galegas cunha vocación de produción leiteira a mobilidade da terra é similar a que se dá xa noutras zonas de Europa, mentres que no resto do medio rural está entre as máis baixas.

Máis prazo para solicitar a PAC

O DOG publicou onte unha resolución do Fondo Galego de Garantía Agraria polo que se amplía ate o vindeiro 15 de xuño o prazo de presentación de solicitudes para beneficiarse das axudas da PAC. En Galicia hai 33.000 beneficiarios que se repartirán 190 millóns entre 2016 e 2017.

Máis de cen mil hectáreas de superficie agraria útil que están no abandono

A comunidade galega contabiliza 114.000 hectáreas de superficie agraria útil que están abandonadas, das que 46.000 son terras de alto valor agrario, segundo os últimos datos facilitados pola Universidade de Santiago.

O proxecto titulado Propiedade e mobilidade do mercado de terras en Galicia, promovido por la Fundación Juana de Vega e Agader, e presentado hai menos dun ano, puxo enriba da mesa algunhas claves desta situación. Por exemplo, o prezo do metro cadrado tende a ser maior nas parcelas máis pequenas, moitos propietarios son reticentes a transferir as súas propiedades, e en moitos concellos existen máis titulares de terra que habitantes. Neses supostos, aparecen tamén prezos máis baixos; as cotizacións das terras tamén descenden cando o vendedor é un propietario absentista en comparación a cando é un residente.

Todos ese factores revelan un dos grandes problemas, endémicos, do agro en Galicia.