José Antonio Gómez: «A estas alturas, querer xerar beneficio a costa dos traballadores é imposible»

Gabriel Lemos REDACCIÓN / LA VOZ

ECONOMÍA

SANDRA ALONSO

O secretario xeral da Unión Xeral de Traballadores de Galicia salienta que se achica a estrutura sindical para dedicar os recursos ao traballo de base nas empresas

08 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

José Antonio Gómez (Ourense, 1965) foi reelixido onte como secretario xeral de UGT-Galicia co voto favorable do 77,17 % dos delegados presentes no congreso do sindicato, no que, por terceira vez consecutiva, non encontrou rival que lle disputase o cargo. Como obxectivo do mandato, proponse construír «unha UGT máis áxil, eficiente e transparente».

-Aproban a que, din, é a maior transformación do sindicato dende 1979, ¿como se concreta?

-Nunha redución de seis a tres federacións, achicamos a estrutura por arriba para darlle un amplo compoñente sectorial a esas novas federacións. Iso significa adecuar os escasos recursos que temos para dedicalos á acción sindical nas empresas, que é de onde parte todo e dar máis soporte aos compañeiros e aos traballadores.

-Fala de modificar a estrutura, tamén renovaron o liderado en España pero, ¿que cambios van introducir no discurso para volver conectar coa súa base social?

-O modelo que adoptamos pretende fomentar ao sindicato nos centros de traballo, para dende aí combater as desigualdades e loitar pola xustiza social. Hai outras saídas para a crise e o noso país, cos seus gobernantes á fronte, debería loitar contra estas políticas só de control do déficit defendendo os intereses da súa xente. Nós pensamos que fronte á gran crise, o Goberno galego debería ter apostado de xeito prioritario pola recuperación económica para xerar emprego de calidade, diversificar o tecido produtivo e mellorar a protección social. Pero non o fixo e as consecuencias as estamos sufrindo, especialmente as clases traballadoras. Isto o dixemos ata a saciedade, pero somos conscientes de que igual os traballadores non o percibían. O que pretendemos con este novo modelo é chegar mellor a eles, reforzando aos compañeiros que están nos centros de traballo para que transmitan as nosas propostas.

-Temos fresco o Primeiro de maio, no que urxiron un plan de choque contra a pobreza laboral. Parece que a mensaxe non calou, porque o BBVA propoñía hai dous días reducir salarios para crear emprego...

-É normal que non cale nos poderes financeiros e nos grandes lobbies empresariais. Non lles interesa. Pero a nós o que nos importa é que cale na sociedade. Para volver á senda de crecemento é necesario xerar emprego de calidade e apostar pola demanda interna. E para iso hai que mellorar os salarios, tamén o mínimo, impulsar a negociación colectiva e fortalecer o Estado do benestar, dando protección a todas as persoas que, querendo traballar, non poden facelo. A estas alturas, pretender xerar beneficios a costa dos traballadores, que é do que realmente falan estes informes, é imposible. O que deberían facer os traballadores é retirar os cartos das entidades que fan esas propostas.

-Levamos catro anos, dende que se aprobou, debatendo da derrogación da reforma laboral. ¿Cre que será posible neste escenario político?

-É imprescindible e imos esixilo. É unha mágoa que non se conseguise formar goberno porque se perdeu un tempo marabilloso para mudar as políticas, é lamentable que non houbera un pacto de progreso. Pero tamén pensamos que estas eleccións son unha oportunidade para pedir claridade aos partidos, que non vaian con programas ocultos e digan claramente que van facer e con quen.

-¿Que piden ao futuro Goberno?

-A nosa esixencia é a derrogación das dúas reformas laborais impostas, medidas de protección para os que o están a pasar mal e o reforzamento dos servizos públicos. E hai que facer un plan de choque para o emprego dos mozos e mozas, porque as taxas de paro xuvenil son lamentablemente altas, e para os maiores de 50 anos que están quedando no limbo e que corren o risco de que lles quede unha pensión moi cativa despois de teren traballado moitísimos anos.

-O presidente da Xunta pediulles na apertura do congreso que reactivaran a negociación colectiva, ¿coa renovación na patronal desbloqueouse o proceso?

-Do que falaba onte o presidente da Xunta é unha demanda nosa de hai moito tempo: un acordo de mínimos para cubrir os baleiros da negociación colectiva e que os traballadores sen convenio teñan una cobertura básica. Iso ímolo facer e, efectivamente, a situación da patronal non axudou, pero nós xa sabemos o que temos que facer no ámbito da negociación colectiva. O que estaría mellor é que onte nos tivera feito propostas en materia de políticas activas, dun plan de choque para o emprego na comunidade, sobre todo para os mozos. Nos últimos sete anos hai unha media de dúas mil persoas que se van da comunidade ao ano, e é moi difícil facer futuro de país con ese saldo migratorio. Se lle sumamos o envellecemento da poboación, temos unhas expectativas bastante negativas das que podería ocuparse.

josé antonio gómez secretario xeral da unión xeral de traballadores en galicia