«Pouco máis cobro ca unha pensión non contributiva»

María del Carmen Martínez, gandeira xubilada de Sobrado dos Monxes. A súa pensión está por debaixo da media galega


Redacción / La voz

María del Carmen Martínez xubilouse hai uns meses, e xa comezou a cobrar unha pensión que chega ao mínimo (601,90 euros ao mes) porque cumpre os requisitos para poder acceder aos complementos de mínimos que fixou a Seguridade Social. Unha filla fíxose cargo da explotación familiar de gando de leite que rexentaba, pero se hai que botar unha man bótase, como fai aínda súa nai e máis o irmán que convive con elas en Ínsua (Sobrado dos Monxes).

-¿Canto tempo cotizou, e como foi a decisión de comezar a facelo polo réxime agrario?

-Hai agora 21 anos que empecei. Estabamos en Ferrol e o meu marido quedou no paro, andaba de albanel; así que viñemos para Sobrado para axudar coas vacas. E os meus pais ata que comecei a pagar pola agraria non pararon: «Métete a cotizar, porque así o día de mañá tedes unha pensión». E así foi.

-¿Xa cotizaban tamén os pais?

-Si. A eles xa lles chegou tarde pero aquí a miña nai estivo cotizando polo menos dezaoito anos. Meu irmán cotizou corenta e dous ou corenta e catro anos, e tampouco cobra moito más ca min, uns 600 euros ao mes, e iso non se entende moi ben.

-¿Pensaron algunha vez que igual era mellor meter os cartos no banco, nun plan de pensións ou nun depósito a prazo fixo?

-Non, porque aquí todos se meteron na agraria, e sempre falamos de que era o xeito de ter unha pensión. Cartos tampouco manexabas tantos; cando cobrabas algo, se cadra non os metías no banco, senón que o gastabas ou facías algunha mellora.

-¿Dá para vivir o que cobra agora?

-Home, pouco é. Ás veces pensas: cotizar tantos anos, ¿para que? Hai moitas cousas malas de entender. Por exemplo, os que cobran unha pensión non contributiva non teñen que pagar nada polos medicamentos, e nós temos que pagar un tanto. E a diferenza non é moito, que eles chegan aos 400 euros ao mes. Eu xubileime; se se me ocorre vender unha finca que estea ao meu nome, ou unha madeira, quítanme 200 euros, así que xa me dirá a vantaxe de cotizar tantos anos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

«Pouco máis cobro ca unha pensión non contributiva»