Rosell insiste en reclamar despido libre para as empresas en reestruturación

J. V. M. TOLEDO / COLPISA

ECONOMÍA

O presidente da patronal española tamén recoñeceu que Europa «non está pola labor» de aceptalo

17 oct 2014 . Actualizado a las 07:22 h.

O presidente da CEOE, Joan Rosell, volveu pedir onte o «despedimento libre» en empresas con necesidade de reestruturación, «sempre que isto se regule nunha lexislación clara e concreta». Rosell, que asistiu en Toledo á inauguración do XV Congreso Nacional de Empresarios de Transporte, afirmou que «ten que ser posible o despedimento por necesidades de xestión ou reestruturación, pero ten que regularse ben e que non quede en mans da interpretación dun xuíz». Porén, o presidente da patronal española tamén recoñeceu que Europa «non está pola labor» de aceptar o despedimento libre.

En canto ao futuro inmediato da economía española, dixo estar convencido de que crecerá o próximo ano por enriba doutras economías como as de Alemaña e Francia «e se creará emprego». «Despois duns anos moi duros, agora empezan a verse datos positivos. O próximo ao crecerase o 2% e, ademais, España conta cunha inflación máis ou menos baixo control», indicou.

Rosell inaugurou onte o XV Congreso Nacional de Empresarios de Transporte, no que o presidente da Confederación Española de Transporte de Mercancías, Marcos Montero, advertiu de que os transportistas de mercadorías están dispostos a mobilizarse e deixar desabastecidos os mercados se o Goberno central segue sen aclararlles cando devolverá o céntimo sanitario. «Estamos ante unha discrepancia tan grande co Ministerio de Facenda que o problema pódese xudicializar e o sector crisparse de tal maneira que podería haber unha conflitividade de efectos incalculables», dixo Montero.