Xoán López: «O día que deixen de existir as confrarías desaparecerá o sector»

A comercialización e o relevo xeracional son os talóns de Aquiles, sinala


Redacción / La Voz

Dous telediarios (sen contar o de hoxe). Son, literalmente, os que lle quedan a Xoán López (Celeiro, 1948) como secretario da Federación Galega de Confrarías. Pon fin a unha carreira profesional que durante case 30 anos xirou en torno ao mar e ao sector pesqueiro. ¿Pena? «Ningunha. Nas confrarías de Galicia xa fixen todo o que tiña que facer». Pero hai truco, porque ten un proxecto persoal que o manterá vencellado á pesca artesanal.

-¿Deixa algo pendente de facer, algo que lle gustaría ter completado?

-Non recordo ter unha etapa na miña vida profesional na que considerara que estaba todo feito. O problema neste sector é que sempre estás apagando lumes, un detrás de outro, lumes pequeniños, lumes medianos, grandes... Entón, por desgraza, eu creo que queda todo aberto para facer. As posibilidades son infinitas do que se pode facer co sector, desde o punto de vista social, económico, profesional, no marisqueo, na pesca... É un campo aberto.

-Sempre da a impresión de que se está a vivir o peor momento para a pesca. ¿Houbo algún peor?

-Houbo puntos de inflexión moi grandes na pesca. Un que me asustou moitísimo pero que non vivín vencellado á pesca foi a entrada no Mercado Común. Logo todo se foi normalizando, pero foi complicado. Tamén cando se impuxo a obrigatoriedade de estar no censo da flota pesqueira operativa, que o levaba a Comandancia de Marina e era un control militar. Ademais cadrou case cando se empezou co IVE, que unhas lonxas cumprían e outras non e se crearon problemas de competencia desleal... Tamén os cambios tecnolóxicos, houbo perdas de caladoiros, desfondes de portos importantes, crises derivadas de verquidos como o do Urquiola, o do Mar Egeo...

-Vostede sempre foi un gran defensor das confrarías, fronte ás voces que as tachan de arcaicas e obsoletas. ¿Por que cre que son o mellor sistema de organización?

-Por dúas razóns. Primeiro porque me parece o modelo organizativo ideal para sacar adiante o sector da pesca de baixura e marisqueo. Non coñezo outra forma de organización na que estén representadas a parte económica e a parte social e podan convivir xuntas, sen ningún tipo de tensión primaria, onde se acorden conxuntamente cuestións de xestión e organización, como se traballa como un arte, como se leva un caladoiro o tope de capturas. Non sei de ningunha industria do téxtil, da construción, do metal onde o empresario se sente co traballador a estudar que se vai facer e como se vai vender.

-¿E a segunda?

-A outra razón é histórica. O antecedente das confrarías son os gremios de mareantes, do século XI. E dende entón ata o de agora, ninguén na historia foi capaz de acabar con este método de organización.

-¡Pois intentar o intentaron!

-O intentaron os Reis Católicos, o intentou Fernando VII, Carlos III, Primo de Rivera... Ata Franco o intentou ao integralos formalmente nunha rama da Falange. Non foi capaz o PSOE, nin o PP, ninguén foi capaz... É a plataforma idónea para xestionar a pesca de baixura e o marisqueo. Sempre o digo, o día que deixen de existir as confrarías desaparecerá o sector. ¿Por que? Porque, ¿que sentido ten? Ningún.

-Di que non hai tensións, pero sempre hai conflitos dentro das confrarías. Acusacións de politizacións, sector oficial e crítico...

-Todos os conflitos internos das confrarías (eu estiven implicado en moitos deles) sempre son producidos por alguén de fóra: un sindicato, un partido político, unha asociación de veciños... Se analizas as tensións, sempre hai un elemento esóxeno que interfire, o problema nunca nace nun enfrontamento profesional. Date conta que nos pobos, antes, as confrarías tiñan máis prestixio e capacidade de influenza e eran un bocado moi apetitoso. E logo están as razóns de poder: ti eres patrona maior, eu non, quítate ti para poñerme eu ou ao meu cuñado, pero iso pasa na confraría, no concello e en todo.

O aínda secretario xeral das confrarías galegas nega que sexa pesimista con respecto ao futuro do sector. «O que pasa é que ten que vir xente nova. Nós xa somos unha xeración que ten que deixar sitio».

-¿E hai xente que queira vir? ¿Que lle ve futuro a isto?

-Ten dous talóns de Aquiles. Un é a comercialización e outro é o relevo xeracional. O relevo está complicado Non me gusta como queda.

-Comentou un día que, desaparecida Caixa Galicia, Caixanova, o Banco Pastor absorbido, Pescanova con serios problemas, a pesca de baixura é a única seña de identidade que lle queda a Galicia... ¿Realmente é así?

-Se exceptuamos Inditex, a primeira industria que hai en Galicia, que é netamente galega nestes momentos, tanto economicamente como en peso de traballadores, é a pesca de baixura. A outra pesca, non se sabe se é dos bancos ou de quen é. Pescanova xa era dos bancos antes do concurso. Queda un panorama tristísimo para Galicia, e creo que habería que mimar á que é primeira empresa de Galicia, que ademais non é expropiable, nin convertible en banco, nin, de momento, manipulable.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos

Xoán López: «O día que deixen de existir as confrarías desaparecerá o sector»