«Os de arriba cóbrense moi ben»

Nacho Mirás Fole

ECONOMÍA

Di que algo non vai ben cando a arbitraxe chega antes a quen máis ten

17 jun 2013 . Actualizado a las 15:29 h.

O colectivo é tan amplo e o problema tan gordo que a prensa tivo que inventar a palabra preferentista. Xesús Domínguez Domínguez (O Grove, 1965), voceiro dos afectados en Santiago, fixo sen querer un máster de economía para defender os aforros dos seus pais. A súa loita é a de milleiros de persoas en España.

-¿Como é que aínda hai xente que se acaba de dar conta de que ten preferentes?

-Hoxe mesmo [polo venres] recibimos chamadas. Nas entidades dedicáronse a tranquilizar aos clientes pero a información non foi fluída. E estes días, como están a chamar un a un para o canxe obrigatorio do Fondo de Reestructuración Ordenada Bancaria (Frob), é cando a xente se entera.

-¿Persoas maiores todas?

-Tamén hai menores de idade, contas de nenos que, non se sabe como, acaban en preferentes ou subordinadas. E só había dúas maneiras de facelo: ou enganando ou collendo directamente o depósito.

-Pero había quen sabía de sobra onde metía os cartos...

-Os que o sabían, que eran un 5 % dos afectados, xa deron orde de venda hai varios anos, cando recibiron información de que a cousa non ía ben. Os que quedaron foron os pequenos aforradores.

-Falamos de produtos financeiros legais vendidos a xente para a que non foran deseñados, ¿non é?

-Eran produtos destinados a Administracións públicas, fondos de inversión e inversores profesionais. Como non eran atractivos para eses colectivos, houbo ordes en todas as entidades de ir colocándoos a pequenos aforradores. O tabaco tamén é legal, pero non se lles pode vender a menores.

-¿A arbitraxe funciona?

-Os afectados con cantidades máis pequenas aínda non foron convocados hoxe. Penso que algo se estaba a facer mal cando xente con varios centos de miles de euros foi á arbitraxe ao primeiro de todo. A arbitraxe vendeuse como a gran solución e, un ano despois, o oitenta por cento dos afectados nin foron chamados.

-¿Habería que sacar a conclusión de que, cos cartos, non hai que fiarse nin da nai de un?

-Como que temos afectados que foron os pais, os irmáns os fillos ou os tíos de directores e traballadores de entidades que lles venderon as preferentes, que non deixaban de obedecer ordes e cumprir obxectivos. Incluso algúns deles mercaron preferentes porque confiaron neses grandes directivos que, agora, marchan con indemnizacións millonarias por fundir as caixas de aforro. E ninguén está pagando por iso: os que están arriba cóbrense moi ben.

-¿Os seus pais dormen?

-Porque os fillos asumimos a loita e somos nós os que non o facemos. Pero hai moita xente pasándoo mal, tomando tranquilizantes: diso non se fala.

nacho.miras@lavoz.es