Ana Miranda: «Galicia debería poder negociar directamente as cotas de pesca»

espe abuín REDACCIÓN / LA VOZ

ECONOMÍA

MIGUEL ESTEVEZ

A eurodeputada do BNG en Bruxelas asegura que é unha potencia en altura e baixura e non debe renunciar a nada

03 sep 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Está a poñer tal empeño na defensa da flota de baixura e o marisqueo que Ana Miranda (Cuntis, 1971), para a comisaria Damanaki, xa é «miss small scale fisheries» (señora pesca costeira artesanal). Así se dirixiu a ela -en tono xocoso, claro- no seu último encontro, a semana pasada. Non é nada estraño. Ese segmento de flota foi protagonista do seu relatorio na Comisión de Desenvolvemento Rexional e, ademais, materia de varias das súas preguntas e intervencións no plenario.

-Pon todo o seu empeño na defensa da pesca costeira artesanal. ¿Que pasa coa altura? ¿Galicia debería renunciar a ela?

-Non, para nada. Galicia é unha potencia en altura e en baixura, non ten que renunciar a nada. Neste senso, quero transmitir a miña solidariedade coa flota cefalopodeira de altura expulsada de Mauritania. Pero o que acontece é que a baixura e o marisqueo están tratados de xeito desigual. A pesca industrial ten outros mecanismos de organización e defensa dos seus intereses. Está presente nas institucións comunitarias, presiona en Bruxelas... O sector de baixura non ten esa relación directa e, nestes momentos, nos que se está a tratar a reforma da política pesqueira e que, por fin, a pesca costeira artesanal pode ter un trato diferenciado, a interlocución directa é importantísima. Agora ben, a defensa que fai o BNG é da pesca galega no seu conxunto. Pero no debate da PCP (política común pesqueira), a cuestión da baixura non está a ser defendida nin polo Goberno español nin polo galego.

-Pero é consciente de que se está abrindo unha especie de guerra entre baixura e altura...

-Son consciente de que hai falla de unidade. En Bruxelas, no encontro coa comisaria -o martes pasado- fíxose un gran esforzo pola unión e se foi con unha voz única, por riba desas diferenzas. Quizais se houbese unha reserva das 12 millas para a pesca artesanal, a cuestión estaría solventada. A Administración tamén fomenta o enfrontamento entre sectores. Debería falar máis con eles e pechar puntos en común.

-¿Non pode ser que o mal esté en que existan os totais admisibles de capturas (TAC) e as cotas das que vostede propón eximir só á baixura?

-O pecado orixinal da política común pesqueira vén de que non se revise o principio de estabilidade relativa (a clave de reparto das cotas entre os Estados membros), que non é un principio, senón un criterio. Está claro que todo vén de ter esas cotas tan escasas, dun reparto tan inxusto. De ter Galicia a xestión directa, como Malta ou como Irlanda, non habería tantos enfrontamentos. Escocia negocia en Bruxelas, Flandes ten capacidade para negociar acordos internacionais, e Galicia debería ter a capacidade para negociar directamente as cotas de pesca no Consello de Ministros da UE, debería ter máis soberanía pesqueira. De tódolos xeitos, se non existiran os TAC de pesca, as cotas individuais transferibles tampouco serían unha solución.

-¿Cal cre que é a necesidade perentoria que debe recoller a nova política pesqueira para que a pesca galega teña futuro?

-A negociación e revisión da estabilidade relativa. É perentorio que se poña ao día e que nos den máis posibilidades de pesca, as adecuadas para atender ás unidades de flota que temos, á súa capacidade, ás súas capturas históricas e á tradición. Non podemos estar devolvendo peixe ao mar mentres outros países non son capaces de esgotar as súas posibilidades. Agora ben, tamén é perentoria a diferenciación entre pesca industrial e artesanal, a dotación de fondos suficientes para distintos segmentos de flota, o recoñecemento ao marisqueo, a posibilidade de negociar directamente os TAC ou o sistema que os substitúa no consello de ministros, e que se atenda á sostenibilidade económica, social e medioambiental sin excluír ningunha desas tres vertentes.

-¿O Parlamento freará o acordo con Mauritania que deixa fóra a 24 barcos galegos?

-Creo rotundamente que se vai corrixir. O BNG xa trasladou que é un acordo nefasto que non foi ben negociado porque non atendeu criterios científicos rigorosos. Pero o Parlamento Europeo, aínda que non ten competencias en materia de TAC e cotas, si as ten en asuntos de acordos internacionais. E vai dicir non. O mesmo poñente do informe, Gabriel Mato, avanzou que o seu relatorio será negativo. Creo que vai haber un novo acordo.

-¿Haberá prólogo para a entrevista con Damanaki?

-Agora vai haber unha reunión de coordinación para preparar as propostas máis concretas e enviar a información que demandou a propia comisaria. Seguir facendo lobby.

ana miranda eurodeputada do BNG en Bruxelas

«Na PCP, a baixura non está a ser defendida nin polo Goberno español nin polo galego»

«O pecado orixinal da política pesqueira é a estabilidade relativa»