María Luz Sánchez, produtora de horta de Cruces: «Os contrastes de temperaturas elevan as dificultades de produción»
VILA DE CRUCES
Aposta polo uso de remedios caseiros no seu terreo, para combatir posibles pragas
07 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A chegada de Mari Luz á produción hortícola foi un pouco, conta, por casualidade e circunstancias que se presentan no camiño. Natural de Dorvisou, na parroquia cruceña de Ínsua, leva agora dezaseis anos sacando produto de horta de tempada, loitando contra as inclemencias do tempo e as pragas que ameazan as producións, nun rural no que cada vez menos xente aposta por traballar as hortas en extensivo.
—Da hostalaría á horta.
—Sempre traballei na hostalaría, pero tiña que atender a meus pais e non podía seguir con iso. Unha curmá, que se dedicaba á horta, comentoume da posibilidade de facelo eu tamén... Ela foi a que me orientou en todo, e aquí estou dezaseis anos despois.
—Como foron aqueles comezos?
—Empecei con pouca extensión de terreo, e só con produción de grelos. Logo comecei a introducir coliflor, brócoli, repolo... Teño un invernadoiro, pero céntrome máis nos cultivos en exterior e que sexan de tempada. Tento fuxir bastante do invernadoiro, aínda que agora mesmo teño unha produción de chícharos, xa que dentro atacan moito máis as pragas, e cada vez estamos máis limitados á hora de usar produtos que as combatan. Eu son de usar todo tipo de remedios caseiros para poder sacar o produto máis natural posible. Xa comemos suficientes porcalladas sen engadir máis! Procuro non sulfatar nada, e usar só solucións preventivas. Non estou en produción ecolóxica, que é ben complicado acadar a distinción polos requisitos que hai que cumprir e require contar con terras virxes, pero a miña premisa é vender o produto máis natural posible.
—Onde vai parar todo o que produce na finca?
—A un almacén, e despois eles encárganse de distribuír. Agora mesmo está a piques de rematar a tempada do grelo, que xa comeza a ter flor, e será momento de comezar a sementar pataca, xudía e despois o pemento e o tomate.
—Algúns produtos véndeos a particulares?
—Non me dedico a vendelos a particulares. Pensei moitas veces en contar cun sitio específico propio no que vender o que produzo pero precisaría contar cunha persoa en tenda, e agora mesmo tal como está a situación non hai marxe para contratar a unha empregada así que vou tirando eu soa con todo.
—O exceso de chuvia pero tamén de sol aféctalle directamente nas súas producións.
—Vaia se afecta! Os contrastes de temperaturas elevan as dificultades de produción. No verán pasado chegamos aos 40 graos e a planta estragouse por estrés. A coliflor, por exemplo; espigou, non medrou e morreu. Estás regando as plantas pero non saen do sitio, non medran... As xudías non soben, a faba asturiana foi un auténtico desastre, cuberta de flor pero caeulle automaticamente... Foi un ano nefasto total polas vagas de calor... Non podes tapar o sol, e agora con tanta auga... outra situación desastrosa. Os nabos quedaron amarelos polo exceso de humidade. Nisto nunca podes contar cunha produción segura. Plantas e non recolles. Temos unha dependencia absoluta do tempo, e nos últimos anos está todo tan revolto que dedicarse á produción de horta é un oficio ben complexo. Non sabes se vas gañar algo ou se mesmo perderás o diñeiro e o traballo invertido. É certo que a climatoloxía sempre xogou un papel fundamental á hora de sementar e plantar, pero non tanto coma agora. Os cambios son tan bruscos e radicais que non estamos preparados para facerlles fronte, e o verán pasado foi extremadamente complicado. As colleitas foron moi malas debido fundamentalmente as fortes vagas de calor. Non estamos preparados para temperaturas de 40 graos e tampouco de 35.
«Mercar produtos de proximidade é fundamental para que non desaparezamos»
As sucesivas borrascas deste inverno non só afectaron ás infraestruturas viarias, que quedaron na maioría dos casos moi deterioradas, senón tamén aos terreos de cultivos que continúan enchoupados. Situación que dificulta e atrasa as primeiras producións nas hortas, explica Mari Luz. «Agora mesmo tiña que estar arado para a pataca, pero é imposible entrar nas fincas pola auga que hai. As patacas, se fose un bo ano, podería ter tres campañas: a de febreiro, outra en abril ou maio, e a terceira a finais de xuño. Obviamente xa se perdeu a de febreiro, e veremos que pasa coa de abril...». A sementeira do chícharo segue a mesma senda que as patacas; «tiña que poñerse na terra en decembro ou xaneiro, pero co que choveu foi materialmente imposible... Outra campaña sin efectivo! E co repolo está pasando o mesmo xa que rompeu coa auga, e a xente non quere as follas manchadas». O produto que chega ao consumidor ten que ir en perfectas condicións. «Comemos máis polos ollos que pola boca! Un repolo pode estar boísimo pero se as follas non están perfectas non o queren, aínda que fose por un exceso de auga que non é nada perigoso, pero nós perdemos a produción».
Ábrese un panorama de bastante incerteza para os produtores de horta coma Mari Luz, «por uns prezos que levan estancados vinte anos», e por unhas variables tan fortes nas temperaturas que fan difícil soster en bo estado as producións. «Non sei se realmente se poderá aguantar, e tampouco hai remuda de xente nova. Agora mesmo son a única en case toda a contorna que segue coa horta, e é unha mágoa ver os invernadoiros pechados e abandonados». Para que os produtores locais non desaparezamos, un rogo: «merquen produtos sempre de proximidade».