O viño Instinto Romano, do dezao Miguel Pavón, acada o ouro na cata da Ribeira Sacra

La Voz LALÍN / LA VOZ

VILA DE CRUCES

cedida

06 jun 2022 . Actualizado a las 21:37 h.

Acadar a medalla de ouro na categoría de tintos, na cata oficial organizada polo Consello Regulador da Ribeira Sacra, co viño Instinto Romano é para o dezao Miguel Pavón -residente en Taboada (Lugo)-, unha homenaxe ao seu avó Reinoso que o mergullou no amor e respecto polas vides «e tamén axuda a seguir traballando e que coñezan o que fas», comenta. Detrás deste premio hai moitos anos de esforzo. Así, despois de estudar Enxeñería Agrícola e de traballar en oficina, este cruceño de nacemento que viviu anos en Lalín, decidiu darlle forma a un soño que comezou na adolescencia. «Nas fins de semana ía co meu avó Reinoso á viña que tiña para autoconsumo e era algo que me gustaba moito. Conquistoume o tema, e aínda que traballei en oficina, a miña cabeza estaba na viña». A aventura vitivinícola de Miguel arrancou no 2006 mercando terras anexas ás de seu avó, para facerse coas catro hectáreas que posúe na actualidade. «Viñeron anos de traballo e de analizar polo miúdo a viabilidade deste proxecto, no que comecei a comercializar o viño no 2015».

O viñedo de Instinto Romano aséntase na aldea de Sobrecedo, ao pé do Miño, nas inmediacións do somerxido Castro Candaz; de onde sae este mencía ao 90 %, que incorpora variedades coma a garnacha, merenzao e brancellao que fan deste caldo un tinto de ouro. «Todas uvas de colleita propia, ao 100 %, cunha selección de acios en poda en verde antes da floración», explica o adegueiro. Un tinto Instinto Romano de produción limitada; 10.000 botellas que se poden adquirir na propia adega de Miguel Pavón ou gozalos en restaurantes espallados pola comunidade; algúns mesmo na comarca, e incluso en Madrid. O próximo reto de Miguel: un merenzao en barrica, que se poderá catar nun par de anos.