Alexandra Torres García, de Cruces, mellor oradora no Parlamento Xove

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

VILA DE CRUCES

Miguel Souto

Para esta alumna do IES Marco do Camballón de Cruces foi a súa estrea neste certame onde quedou finalista co seu grupo

19 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Alexandra Torres García estuda primeiro de Bacharelato no IES do Camballón de Vila de Cruces e foi elixida a mellor oradora da xornada nos debates do Parlamento Xove que tiveron lugar o pasado sábado. Concursaron dous grupos do centro, cada un integrado por catro alumnos. Son sete rapazas e un rapaz que participaban por primeira vez e que xogaron un moi bo papel. Os contrincantes elíxense por sorteo e os de Cruces tiveron esta vez a mala sorte que no derradeiro lles tocou enfrontarse entre eles. O grupo de Alexandra, acadou o carto posto e o outro a décima posición quedando ás portas da final.

Pero fixeron un debate brillante que lles valeu os parabéns e que lles preguntaran, como conta Alexandra, «a ver que nos daban de comer nas Cruces». «Estamos moi orgullosos, aínda que non poderaos entrar os dous equipos pero creo que o fixemos moi ben», O tema desta vez era debater sobre si o Estado debería impoñer ou non a vacina. O grupo de Alexandra tocoulle falar en contra e nos dos seguintes defender a postura a favor. Está moi leda de que a seleccionen como mellor oradora. «Non mo cría, estou moi contenta e moi agradecida».

Araceli Costoya, a súa profesora, prepara cada ano os grupos do instituto. No 2019, Lucía Pampín, daquela estudante de primeiro de BAC conseguía o mesmo recoñecemento que Alexandra. As derradeiras semanas os participantes ensaiaron «buscando toda a información que puidemos porque cantos más argumentos mellor te podes desenvolver», apunta Alexandra Torres que defende que o traballo e a participación nos debates «é moi importante porque aprendes a controlar os nervios e a improvisar; estás falando ante o público e perdes tamén ese medo escénico».

En maio terá lugar a fase final. Co covid, os debates tiveron lugar a través de vídeo conferencia con máscara e gardando as distancias. Antes diso ensaiaron tamén todo o protocolo. Alexandra non coñece o Parlamento e agarda que para a final podan ir e debater xa nese escenario o que lles permitiría tamén contactar dun xeito directo co resto dos estudantes doutros centros que participan. De cara a final, di, «traballaremos todo o posible porque hai que aproveitar esta oportunidade». E si chegar é encher, moito mellor.

De cara ao futuro, Alexandra, natural de Besexos, en Cruces, non sabe aínda o que lle gustaría estudar. Apunta que «aínda me queda un ano». De momento entre as súas materias favoritas está a Bioloxía «que me gusta moito e as Matemáticas». Polo de agora non saben aínda o tema sobre o que deberán debater en maior pero están xa desexando coñecelo para pórse a traballar. Na fase final enfrontaranse oito equipos. Despois da emocionante xornada do pasado sábado, xuntos colaborarán, apuntan dende o instituto en preparar a fondo a final co obxectivo de obter, polo menos, din, resultados tan bos coma os deste pasado sábado.