Paula Rivela: «Queremos visibilizar a todas as mulleres e poñerlles cara»

Bota a andar o proxecto «Somos Visíbeis», con fotografías en branco e negro de quenes son motor fundamental de vida


lalín /la voz

Concellos e asociacións preparan actos con motivo do Día da Muller o vindeiro 8 de Marzo. Levedar Colectivo Feminista de Vila de Cruces non queda á marxe desa celebración promovendo un proxecto fotográfico e artella unha convocatoria local de folga.

-Teñen en marcha o proxecto «Somos Visíbeis». En que consiste?

-Queremos visibilizar a todas esas mulleres, ás que moitas veces non lles poñemos cara, pero que son motor fundamental e fan que o engrenaxe que é a vida se mova axeitadamente. Cando falamos de mulleres falamos de nais, avoas... Mulleres que traballan en centros de saúde, colexios, que están no fogar, na horta... A todas elas queremos poñerlles cara. E este proxecto o que intenta é a través da disciplina artística da fotografía darlles a todas elas esa visibilidade.

-De que maneira se pode participar?

-Buscamos que a xente participe dunha forma activa; que pense nesa muller da súa vida, esa persoa á que lle quere dar visibilidade e que suba unha fotografía súa á rede coas seguintes etiquetas: somos visíbeis, que é o nome do proxecto, Vila de Cruces feminista e o nome da muller que se quere visibilizar así como o seu espazo; o sitio onde vive. A maiores nós imos poñer ese círculo translucido violeta que forma parte desta iniciativa.

-Con todas as fotografías que se suban á rede que farán posteriormente?

-A idea é facer un arquivo fotográfico de todas esas mulleres ás que se lles quere dar visibilidade, e contribuír dese xeito a que sexan máis visibles. Comezaremos dende as redes, pero se o proxecto acada moita acollida non se desbota facer unha exposición presencial con todas as instantáneas. O certo é que sería marabilloso!

-Piden que as fotografías sexan en branco e negro. Cal é a razón?

-Pois parécenos que esa neutralidade das cores deixa que se vexa máis alá da persoa. Queremos que a instantánea sexa dende a sinxeleza. Coñecer e dar visibilidade a todas estas persoas. Parécenos que as fotografías en branco e negro quedan moi fermosas e animamos á participación e que cada un lle de un espazo á muller da súa vida.

-Ata cando se poden subir as fotografías á rede?

-Deixamos un prazo amplo para que se fagan as fotos e se vaian subindo. Ata o vindeiro 8 de marzo se poden facer aportacións, nunha data que coincide coa folga á que nos imos sumar. De feito este sábado, 27 de febreiro ás once da mañá, aproveito para dicir que teremos unha asemblea aberta para artellar entre todas a convocatoria local de folga. Os que se queiran sumar á asemblea poderán facelo mediante da web meet.jit.si onde abordaremos a mobilización que se realizará con motivo do Día da Muller baixo o lema de «Sen coidados non hai vida. Galegas 8 M».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Paula Rivela: «Queremos visibilizar a todas as mulleres e poñerlles cara»