Galegos festexou a San Miguel Arcanxo

daniel gonzález alén LALÍN

VILA DE CRUCES

Daniel González Alén

A imaxe de marfil do santo, datada no primeiro terzio do século XVIII, desapareceu hai corenta anos

06 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Das cento cincuenta parroquias que integran a comarca de Deza, trece teñen coma santo patrón a San Miguel Arcanxo. A algunhas das celebracións asistimos en anos anteriores e outras quedaran para anos vindeiros , xa que nesta ocasión escollemos a de Galegos en Lalín, que a pasada fin de semana honraba o seu patrón San Miguel Arcanxo na xornada do sábado e a San Antonio o domingo.

Os dous días houbo misas solemnes e procesións, e logo sesións vermú coa charanga Ardores e o grupo Unión y Fuerza, que xunto coa orquestra Israel amenizou a verbena do sábado no campo da festa parroquial onde tamén había pulpeiro e bar.

As dúas imaxes do San Miguel Arcanxo alanceando ao demo en forma de dragón, que agora se veneran en Galegos son de factura moderna, logo de que hai uns corenta anos desaparecera unha mais antiga, de marfil datada no primeiro terzo do século XVIII, que desapareceu da igrexa, vendida ou roubada que pouco máis ten, traída de Filipinas para presidir o altar maior da igrexa e que os veciños tiñan en moita estima e veneración.

Imaxes de Galegos e Duxame

Da imaxe de marfil do San Miguel de Galegos xa temos publicado nalgunha ocasión. Era xemelga doutra tamén de marfil existente na igrexa parroquial de Duxame (Vila de Cruces), as dúas foran traídas de Filipinas, doadas polo home de prol da parroquia cruceña, Domingo Antonio Bermúdez de Soutomaior, gobernador xeral e alguacil maior do Santo Oficio en Manila nos primeiros anos do século XVIII. Eran dúas imaxes talladas en marfil da chamada escola hipano-filipina que floreceu entre os séculos XVI e XIX. Unha delas regaloulla á súa irmá Dominga, casada co fidalgo de Galegos, Matías Blanco Castro, e a outra ficou na parroquial de Duxame, na que os Bermúdez de Soutomaior teñen capela sepulcral e pazo brasonado nas inmediacións.

Conta o noso amigo e historiador de Agolada, Xosé Ramón Pérez Salgado, que en 1718 o crego de Duxame, Antonio de Porras, pagou 120 reais pola condución deica a igrexa parroquial dunha imaxe de San Miguel «hechura en marfíl, que vino de la ciudad de Manila» e que no inventario que se fai cando se ampliou a igrexa en 1733 facíase referencia a mesma: «Glorioso Arcángel S. Miguel, de marfil, de una pieza menos los brazos, alas y el remate de la banda, corona, lanza, pesos con dos imágenes de ánimas en las copas y una sirena por peana, todo de marfil y dicha imagen poco más de 3/4 de alto». Uns anos antes, o mesmo Otero Bermúdez doara a esta igrexa un espléndido viril, mandado expresamente dende Filipinas do que nada sabemos.

A magnífica imaxe de marfil do San Miguel sería roubada da parroquial de Duxame no ano 1921 segundo recollía a prensa da época. O ladrón que entrara polo tellado do templo, vendeulla a un prateiro de Santiago por 50 pesetas, sendo daquela recuperada polo cura párroco, pero anos despois, desaparecería novamente ao igual ca de Galegos, nos anos setenta do pasado século, e ámbalas dúas fican dende entón en paradoiro descoñecido.

A parroquia de Galegos que na actualidade non chega aos cen habitantes repartidos en tres lugares, xurdiu o abeiro dun castro prehistórico sobre o que estivo emprazado un antigo castelo dos Suárez de Deza Churruchaos, que foi destruído no século XIV polas tropas do arcebispo compostelán frei Berenguel de Lendoyra , logo da rendición de Diego Súarez de Deza -o cabaleiro que está soterrado na igrexa de Ansemil de Silleda- que a defendía. No lugar aínda puidemos ollar vai para cincuenta anos os alicerces da fortaleza, guiados polo veciño Eduardo Blanco Pazos, parente dos Bermúdez de Duxame. Tamén a orelas do castro dise que estivo a antiga igrexa románica da parroquia, sendo trasladada ao emprazamento actual no século XVIII, aproveitándose unicamente a pía bautismal da vella.

Dende o penedal que forma a Serra de Fornelos ollase unha boa panorámica da parroquia, repleta de típicos hórreos, de entre os que destaca o da casa de Mosteiro, muíños e pontellas, cruces de pedra e fontes, as casas señoriais ou a vella reitoral, agora ferida de morte polo abandono en que se atopa. Pero será noutra ocasión cando ampliemos a reportaxe desta parroquia lalinense que comparte os Sobreirais do Arnego con outras de Cruces e Agolada.