O San Benito de Pinlle e o risco de futuro

daniel gonzález alén

VILA DE CRUCES

Daniel Gonález Alén

A romaría deste pequeno lugar da parroquia cruceña de Brandariz perde devotos cada ano e corre perigo de desaparición

17 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Pinlle é un pequeno lugar da parroquia de Brandariz (Vila de Cruces) que andaba polos 34 habitantes no último censo, unha poboación vida a menos polo envellecemento e a marcha a outros lugares onde hai mellores perspectivas de futuro. Tamén a súa festa do San Benito vai esmorecendo e corre perigo de desaparecer, malia que os veciños e uns poucos festeiros aínda acoden a rezar e divírtirse na capela e no seu cativo recinto o carón da estrada que vai de Vila de Cruces a Boqueixón, salvando o Ulla pola Ponte de Remisquide. E despois de xantar tamén fan festa nas casas, cun abondante xantar cos parentes e festeiros chegados doutras parroquias veciñas.

A romaría que noutro tempo era moi concorrida vai a menos e desta case eran tantos os da Banda de Gaitas Vai Nela de Salgueiros que contrataron, coma os devotos que viñeron a cumprir coa tradición. Houbo poxa das esmolas que trouxeron os ofrecidos, as mais delas aves, e venda de estampas, que axudan a pagar os gaiteiros e mailo abundante fogo. Tamén houbo misas rezadas e cantada, aínda que non procesión xa que o antigo campo da festa no que tamén había xantares campestres noutro tempo, agora está cheo de toxos e xestas que ninguén se encarga de rozar.

A capela foi trasladada ao emprazamento actual fai máis de cen anos. Non debía ter moito mérito artístico a xulgar polas pedras de lousa que se trouxeron para facer a actual, que os veciños amañaron hai uns poucos anos como mellor puideron, con escaso respecto a tipoloxía tradicional. A vella capela, estaba nunha paraxe que aínda leva o nome do santo milagreiro o carón do regato local. Alí tiña a súa fonte da que só fica o manancial e tamén a peneda onde apareceu o santo, cunha cavidade que din que é a do corpo do San Benito. Aló acudían os ofrecidos para curar toda caste de males e enfermidades. O vello retablo que de alí veu, podreceu e enriba da mesa que fai de altar, ademais da imaxe do San Benito de certa antigüidade, hai outra máis nova do Sagrado Corazón e una fermosa talla da Nosa Señora da Mercé, que veu da antiga igrexa parroquial que fundaran os Mercedarios do convento de Conxo a finais do século XVII, que deixaron na ábsida o seu escudo de cantería.

Os nosos informantes Xosé Manuel Souto Balo e Manuel Novo Barcala, dous veciños que axudan a manter esta romaría tradicional, ofrecéronse a acompañarnos ao antigo emprazamento da capela, unha paraxe onde o regato local afastado das casas do lugar, e mostrarmos a peneda onde segundo a lenda popular apareceu o santo, e a fonte a que xa ninguén acude na procura de atopar remedio coa súa auga milagreira. Quedamos de ir cando pasara esta festa, que non é a única que se celebra na parroquia de Brandariz , xa que se honra tamén o patrón San Miguel e a Santa Lucía.