Iris Miguélez Méndez: «A imaxe sempre me preocupou, mesmo cando competía en loita»

Unha lesión apartouna da competición; ademais estuda Enfermaría e sobe ás pasarelas


lalín / la voz

Aos seus só vinte e un anos Iris Miguélez Méndez (Vila de Cruces) abraza unha dilatada carreira deportiva, que se viu truncada por unha lesión. Agora as súas metas pasan por rematar os estudos de Enfermaría que cursa en Compostela e conseguir facerse co premio Miss Grand España, que se disputará en Cantabria no próximo mes de xullo.

-Deportista dende a nenez, nada menos que en loita, e agora en concursos de beleza. Como conxugamos isto?

-É fácil [risas]. Primeiro fixen patinaxe, algo moi feminino, pero despois con nove ou dez anos xa estaba no Keltoi -club de loita de Vila de Cruces-. Entrei aí un pouco por cuestións familiares xa que o adestrador, Rubén Méndez, é meu tío, e invitoume a que probara esa disciplina deportiva. Abriume a porta e foi unha experiencia marabillosa, é un deporte incrible... Tiven bolsa ao longo de catro anos no Centro Galego de Tecnificación Deportiva e fun campioa de España de loita. A miña carreira deportiva en competición rematou cunha lesión que me sobreveu cando cursaba 2.º de bacharelato. Foi unha rotura de ligamentos, despois de padecer escordaduras de xeonllo, e os médicos recomendáronme que o deixara.

-Momentos duros, non?

-Moi duros. Paseino moi mal. O deporte érao todo para min, era o meu día a día. Hoxe teño que conformarme con ir ao ximnasio cando podo.

-E comezou aí o interese polo mundo da moda?

-Non exactamente. A imaxe sempre me preocupou, e mesmo cando competía en loita ía o mellor posible. O de levar as uñas pintadas era algo habitual, e algúns facían broma co asunto. Fun sempre de amañarme, de ir o mellor posible, polo que a moda e a imaxe sempre estiveron aí. De todos os modos unha relación directa coa moda nunca tiven.

-Entón como arranca esta aventura nas pasarelas?

-Por unha casualidade. Rematei un exame e xunto cunha amiga achegámonos ao centro comercial As Cancelas, en Santiago. Alí estaba facéndose a selección para Miss Grand Galicia e dende a organización preguntáronme se quería participar. Fun rotunda na resposta: dixen que non, pero despois de pensalo ao día seguinte díxenlles que ía probar. Fixen a proba, falei coa familia para comunicarlles o tema e así empezou todo.

-Quedou seleccionada.

-Si. Chamáronme para informarme que estaba entre as 30 seleccionadas, logo pasei ao top 10, top 5 e finalmente quedamos só dúas... Escolléronme como Miss Gran Costa Gallega e agora vou á procura do título nacional, que é moi complicado.

-Imaxinaches chegar ata aquí?

-Que va! Foi algo que non me esperaba para nada, unha auténtica sorpresa. Unha mera casualidade que me levou a todo isto, sen pensalo en ningún momento.

-A seguinte fase será en xullo, en Cantabria.

-Levamos agora mes e medio preparándonos para o que será o certame nacional que se celebrará en Arnuero (Cantabria) do 2 ao 7 de xullo próximos, e no que participaremos 36 mozas. Basicamente os patrocinadores do certame están centrados en proporcionarnos tratamentos de beleza específicos para mellorar o noso aspecto, pero tamén temos oratoria, pasarela... Isto non é só lucir figura, é moito máis.

-Segundo algunhas voces, os certames de beleza deberían desaparecer.

-Penso que se deben manter. Ninguén te obriga a presentarte e son concursos nos que as persoas teñen que transmitir mensaxes. Este ano, por exemplo, a temática versa sobre frear a violencia e a guerra.

Cita anual. O certame de beleza Grand Miss España vén celebrándose de xeito anual dende o ano 2016.

Candidatas autonómicas. Participan 36 candidatas e a actual Miss Grand España, Patricia López, será a encargada de coroar a súa sucesora no próximo mes de xullo en Cantabria.

«Non é suficiente ser unha rapaza mona, hai que saber transmitir e ter unha boa oratoria»

Aos que non aplauden a celebración de concursos de beleza Iris debúxalles un símil: «Os pais que non deixan que as súas fillas practiquen a loita xa que é un deporte de risco, de patadas e golpes».

-Deixen que os seus fillos fagan loita, ou o deporte que lles guste, ou que se presenten a un certame de beleza... Eu nunca pensei en concursar. Entendo que non teño suficiente confianza en min mesma para facer isto, pero a curiosidade fixo que me presentara e aquí estou. Son vergoñosa, pero meterme nisto pode significar rachar con esa vergoña. Son das que pensa que non se poden pechar portas.

-Encara a moda como futuro profesional?

-Non. Eu vou ser enfermeira. Todo isto é secundario, pero intentarei facelo ben.

-E se gaña?

-Choro [risas]. Non é un concurso fácil, somos moitas pero non só caras bonitas... Non somos obxectos. Cada unha de nós ten a súa propia personalidade, e tes que ser ti mesma, non deixar que te manipulen, actuar con naturalidade e non finxir... É importante saber transmitir, falar en público e ter boa oratoria; non se busca soamente unha rapaza mona que recorra a pasarela. Non se pode clasificar só por ser guapa, detrás destes certames hai moito máis e iso é o que me gustaría que soubese a xente.

-Como se vive o certame dende dentro?

-Con moitas horas de preparación antes de viaxar a Cantabria. O certo é que dende a organización trátannos con moito agarimo, están sempre pendentes do noso benestar, todo moi ben.

-A gran final en Venezuela?

-Está previsto que a finalísima sexa en Venezuela e o que se recade penso que irá para o país, xa que detrás do certame tamén hai accións benéficas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

Iris Miguélez Méndez: «A imaxe sempre me preocupou, mesmo cando competía en loita»