«Nós apostamos polo cambio e os veciños tamén nolo piden»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

VILA DE CRUCES

Cedida

12 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Luis Taboada, concelleiro electo de Vila de Cruces de Xuntos polo noso concello, non lle cabe dúbida de que acabará por materializarse un pacto de goberno entre a formación que lidera xunto a BNG e PSOE.

-Nalgún concello os acordos foron case inmediatos e aquí a situación ralentizouse. Hai vontade real de negociar?

-Claro que si. As cousas se foron retrasando. Vanse deixando as cousas para o final... Un está ocupado coa súa actividade e logo dámonos conta que o tempo apremia. Nós apostamos polo cambio e os veciños tamén nolo están pedindo, alomenos a min cando me atopan así mo están transmitindo. O que me comentan é que son moitos anos dun mesmo goberno e hai que cambialo e niso estamos.

-O PP pide a alcaldía ao ser a formación política con máis votos obtidos o 26 de maio.

-Nós temos máis votos que o Partido Popular se unimos as nosas forzas, e repito que o sentemento do pobo é que debemos de esforzarnos para conseguir ese cambio.

-Que escollos teñen no camiño para non pechar un acordo?

-Non hai ningún escollo. O que temos que facer non é outra cousa máis que sentarnos, falar e estou absolutamente convencido que haberá un acordo entre as partes. Mantivemos varias conversacións telefónicas pero agora hai que buscar o consenso final.

-O BNG entende que Álex Fiuza debería de ser alcalde, Xuntos aposta por vostede...

-É normal. Cada un busca o que considera mellor para o seu partido. É unha cuestión que hai que debatir e consensuar entre todos. Posiblemente é un dos asuntos máis complexos... A mellor figura para ser alcalde de Vila de Cruces posiblemente podemos ser calquera de nós, pero só pode ser unha persoa e iso é o que hai que decidir.

-Podería haber unha alcaldía rotatoria ao igual que sucedeu en Rodeiro?

-Podería ser. É unha opción. O que sei é que o tempo se reduce pero penso que nos imos entender. Hai que poñer vontade e hai que arreglarse e penso que o imos facer.