SOS para os carballos do campo da festa da capela de Insua

Ante a impotencia veciñal ás árbores do campo da festa da capela de San Roque están marcadas para a súa tala


lalín

A maquinaria forestal xa tomou posicións no campo da festa da capela da San Roque, en Insua (Vila de Cruces), e os carballos teñen a marca dos madeireiros que llos mercaron aos paisanos. Poida que no intre de escribir este artigo xa foran chimpados e perdidos para sempre se ninguén o remedia . Son catro carballos a pé do regato de Cubelos que baixa de Duxame, na parcela que foi reservada para a capela do San Roque logo da concentración parcelaria, e que deberían contar con especial protección coma outros conxuntos con valor paisaxístico ou monumental da zona.

Un deles, á beira da ponte, supera o século de antigüidade e os tres metros de perímetro, e ten tal cantidade de verrugas que só serve para leña. O dono seica é un nativo que leva tempo residindo na vila de Arzúa, aínda que os veciños din que lle pertence ao río, o mesmo ca os outros tres que un paisano vendeu a un fragueiro de Pontevedra que leva meses coa maquinaria traballando nestas terras e non dá abasto diante as solicitudes de corta que ten. Á beira das pistas e estradas amoréanse os troncos; algúns xa levan tempo e están a medio podrecer.

Desinterese das autoridades

Na parroquia de Insua e nas veciñas de Duxame e Portodemouros, despois de case vinte anos a voltas coa concentración parcelaria, entregáronse hai algo máis dun ano os títulos das 1.275 leiras que resultaron das 10.809 que se concentraron, pertencentes aos máis de 500 veciños afectados. Case ao mesmo tempo que se facía a concentración, ían caendo milleiros de árbores das case 1.200 hectáreas de territorio que se agrupaba nestas parroquias cun investimento de 1,3 millóns de euros.

Dende que comezou o proceso de concentración a corta de arboredo non fixo máis ca ir en aumento: «Pagan moi pouco polas árbores, pero os veciños preferiron vendelas ou chimpalas antes de que a parcelaria llas adxudicara a outros», dinos un paisano de Xordedo entre apesarado e resignado. É o caso destes catro carballos que, xunto con bidueiros e salgueiros, rodean a capela e a fonte da San Roque, que malia que o seu valor económico é escaso e fican mesmo no leito do regato local, semella que non se van librar da corta á que están sentenciados. Segundo din os veciños, «os carballos non se poden chimpar, pertencen ao río, e os de Augas de Galicia e o Seprona, que noutras ocasións andan tan agudos e non deixan cortar unha póla, debían tomar medidas para que estas árbores sigan a dar sombra no terreo común da capela». E agardan a mediación do Concello, ou das Consellerías da Xunta, pero aquí ninguén fai nada e, mentres os veciños se laian impotentes, a maquinaria forestal ameaza estas árbores que co noso artigo pretendemos axudar a salvar.

Capela e fonte milagreira

A capela do San Roque, tamén coñecida pola da Santa Cruz, xa que ten as dúas advocacións e décadas atrás senllas romarías, foi noticia o pasado mes de xullo, cando unha impresionante treboada que afectou a boa parte do concello das Cruces orixinou unha enchente no regato que a rodea, arrasando santos e altares ao entrar pola porta principal e saír pola lateral. É un templo dunha soa nave construído en 1753, segundo reza unha inscrición no lintel da porta principal. O sinxelo altar principal está presidido polas imaxes do San Roque e a Virxe co Neno, e o altar lateral dedicado a Santa Cruz, con cruz de madeira e un mural na base. Un enreixado de ferro permite manter a porta exterior aberta todo o ano e mesmo acceder á tribuna. Preto da capela está unha fonte de cantería ben labrada á que lle falta o santo que campaba na hornacina. Nesta fonte veciños e romeiros collían noutro tempo auga bendita no día da festa -o 14 de setembro-, para logo bendicir os seus campos.

A romaría segue a celebrarse na actualidade, con misas e procesión, pero os escasos veciños de Xordedo non son quen de xuntar os cartos para pagar a música e organizar a festa neste fermoso contorno de ribeira, que agora ve perigar a súa importante riqueza forestal.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos
Comentarios

SOS para os carballos do campo da festa da capela de Insua