«Os concellos teñen que fixar poboación se non os pobos morren»

Amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

VILA DE CRUCES

miguel souto

Considera imprescindible a unión dos distintos sectores para atraer máis clientela

06 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Facíase preciso botar a andar un colectivo de comerciantes en Vila de Cruces pero unha mala experiencia non animaba demasiado a impulsalo. Foi necesaria unha carta asinada por Guadalupe Pampín Facorro para que a engrenaxe se movese e dera paso ao nacemento da recentemente estreada Asociación de Pequenos Empresarios do municipio.

-Contaron con asociacións de empresarios e comerciantes e agora levaban anos sen nada.

-Certo pero tamén levabamos tempo pensando que aquí faltaba algo pero quedamos moi queimados coa anterior asociación de comerciantes que nos meteu en problemas económicos, e tivemos que aportar cartos para poder saír dos mesmos. A xente quedou cansa da situación vivida e fíxose preciso deixar correr o tempo... Ao carón do Nadal foi cando empezamos a ver que era necesario facer algunha actividade ao igual que levaban a cabo noutras vilas e por iniciativa propia optei por mandarlle unha carta a comerciantes e pequenos empresarios da vila.

-Entendo que foi ben acollida.

-A acollida foi moitísimo mellor do que eu pensaba. Convoquei unha reunión despois daquela carta enviada e asistiron unha trintena de pequenos empresarios que foron aportando ideas e comprobamos que estabamos todos desexosos de facer algo. Improvisamos algo para o Nadal malia non ter unha asociación constituida pero xa aportamos produtos das nosas tendas para levar a cabo un sorteo. Chegou de todo. A colaboración foi estupenda e aí empezou todo. No pasado Nadal iniciouse pois a andaina desta asociación.

-Apostaron por dar cabida a todos os pequenos empresarios do termo municipal.

-Non queriamos englobar só ao sector comercio. É un pobo pequeno no que nos coñecemos todos e pensamos que cantos máis sexamos máis posibilidades temos de facer cousas, de aí que dende o primeiro momento apostamos por constituirnos como asociación de pequenos empresarios.

-Con cantos asociados contan na actualidade?

-Penso que somos uns sesenta socios. Estamos abertos a novas incorporacións e é importante puntualizar que na asociación hai cabida para calquer pequeno empresario do municipio, sexa da parroquia que sexa; de feito xa temos un socio de Merza.

-Á procura de axudas para organizar distintas actividades?

-Polo de agora non podemos pedir subvencións xa que estamos a traballar cun CIF provisional e temos que botar man das cotas dos asociados para levar a cabo algunha das actividades previstas.

-O 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas, teñen a primeira iniciativa.

-Será unha xornada na que os comercios estarán abertos todo o día. O grupo de gaiteiros Punteirolo farán pasarrúas, haberá xogos na praza grazas á colaboración de Moncho García, hinchables para os cativos e para que os pais poidan facer as súas compras con tranquilidade, e os bares servirán unhas tapas especiais. Serán de balde para os que merquen nos nosos establecementos e ata ese mesmo día se reparten rifas para o sorteo de 300 euros. Agradecer tamén a Sergio Mella que nos fixera un cartel tan bonito como o que nos elaborou.

-De non xurdir ou manterse colectivos os pobos van en claro declive?

-Se non se fai nada morren. Os concellos tamén teñen que facilitar asentamentos, fixar poboación e promover iniciativas para favorecer altas. Dedícanse ás festas e ás feiras, e está ben, pero hai que mirar outras cousas.