David Fiuza, director de la Artística de Merza: «A formación é patrimonio de todos os galegos con case dous séculos de vida»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

VILA DE CRUCES

miguel souto

A agrupación celebrará esta tarde un concerto no que participarán varios grupos artísticos de Vila de Cruces

01 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Auditorio Valero Guzmán será escenario esta tarde, dende as 18 horas, do Concerto de Amigos da Banda de Merza. Un acto que forma parte das actividades postas en marcha dende a formación por mor do 190 aniversario da Artística, e que terán continuidade ao longo dos vindeiros meses segundo afirmaba o director da agrupación David Fiuza.

-Son 190 anos da Banda de Merza, a máis antiga de Galicia, e un dos concerto para festexar a efeméride. Forma parte dos concertos moi especiais que programamos e en maio decidimos adicar un aos nosos amigos artísticos do municipio que tamén utilizan a arte como maneira de socializar e de aprendizaxe, e que se quixeron unir a este concerto.

-Con quenes van contar?

-Estará a Coral Polifónica de Piloño, o Coro Voces da Terra de Vila de Cruces, o grupo de pandereteiras Zarabanda de Merza e o grupo de gaitas O Arco de Merza e contaremos coa colaboración da Fundación Neira Vilas, dende o punto de vista da narrativa e da poesía. É a primeira vez que facemos un concerto con tantas agrupacións nun proxecto. É un esforzo interpretativo para a banda. É un concerto no que a banda non é a protagonista senón que o son os nosos amigos e nós acompañámolos. Metémonos no papel que cada agrupación ten co seu estilo de música.

-Concerto no que se contabilizan ata tres estreas.

-Así é. Unha é de Enrique Viz, músico e director da Coral Polifónica de Piloño, que fixo unha habanera con texto do seu irmán Pablo, e a estrea será de coro e banda. Logo estrearemos unha obra dun rapaz moi novo de Bandeira que se chama Sergio, ten dezasete anos, toca o oboe e a peza chámase «Capricho Galaico» que está inspirada no «Capricho Español», e por último haberá unha estrea de gaita e cuarteto de clarinetes dunha obra do músico lalinense Alejandro Piñeiro que tamén dirixirá a súa versión da súa «Muiñeira Neira Vilas».

-Ensamblar e cadrar ensaios foi o máis complicado?

-Non é fácil. Costa mover un concerto coma este, os ensaios foron complexos ao igual que a coordinación... Cantarán as dúas corais e a banda...

-A Banda de Merza vai camiño dos douscentos anos de vida, ¿goza dunha óptima saúde?

-A formación é patrimonio de todos os galegos. Son 190 anos e deu tempo a facer moitas cousas, a converterse en tradición e nunha institución de referencia con case dous séculos de vida. Quedan moitos proxectos artísticos por facer e tocando distintos paus como pode ser o concerto desta tarde. Ten boa saúde.

-Por norma xeral as formacións musicais teñen máis actividade nos meses de verán, ¿é o caso da Artística?

-Dende logo que hai agora mesmo moitas actividades previstas, proxectos e concertos para vindeiras datas. O máis inmediato, despois deste concerto de amigos, será o Festival do Galo onde contaremos cunha colaboración de Maisquedanza. Traballamos tamén coa Coral de Piloño outro estilo de música diferente: a africana, con dúas estreas a nivel nacional. Estamos invitados a un festival en Valencia para o 3 de agosto e tamén estamos traballando nun proxecto moi forte que se chama Queen Simphony.

-Para cando a estrea?

-Polo de agora non están as datas pechadas pero a idea sobre a que traballamos é poder presentalo no verán, e sería en Compostela na Cidade da Cultura. É un proxecto ambicioso que move a duascentas persoas encima do escenario. Aínda que faltan varios meses para elo tamén xa lle estamos a dar voltas á unha gala especial do 190 aniversario da banda para finais de ano. Non son poucas citas, e a elas hai que engadir logo todas as actividades propias do verán que xa están comezando a pecharse.