Ferro engade farrapos aos zocos e calcetíns


Poñer a disposición da clientela que se achega ao taller do zoqueiro de Merza, en Vila de Cruces, uns calcetíns axeitados á hora de probar un par de zocos motivou a súa comercialización. Toda unha novidade que dou a coñecer onte Elena Ferro e que xa se está espallando entre os centos de clientes cos que conta esta familia de zoqueiros. «A xente ven probar os zocos pero non traen os calcetíns axeitados e de aí xurdiu a idea de poñelos tamén á venda», explica Elena.

Calcetíns feitos en Galicia, con deseño propio de Elena Ferro con pequeniños zocos e logotipo da empresa cruceña, que se comercializan en catro cores: cinsa, berenxena, mariña e castaña, «e se funciona a cousa ben xa iremos engadindo máis cores nun futuro». O mesmo sucederá coa numeración destes artigos que se venden dende a talla 34 ata a 40, e do 40 ao 46. «Non temos de momento tallas para os rapaces pero se hai demanda xa pensaremos en telos tamén para os cativos. Todo vai depender das vendas e das demandas que vaian xerando estes calcetíns». Pequenas prendas que xa se poden mercar no propio taller cruceño, na tenda coruñesa que abriu a zoqueira meses atrás e tamén estarán a disposición da clientela nas distintas feiras nas que se venden os produtos saídos do taller cruceño; como será o caso esta vindeira fin de semana na festa da Reconquista de Vigo, e nuns días poderán mercarse tamén a través de venda on-line. Outra das recentes novidades saídas do taller de Merza son os chamados farrapos; unhas pequenas pezas de cores diferentes que se colocan nos cordóns dos zocos dándolle unha nova vida ao calzado. «Son trozos que quedan das pezas coas que facemos os zocos e que están tendo unha gran demanda. Levamos dende finais de xaneiro cos farrapos e estanse vendendo moi ben xa que ao colocar uns farrapos parece que tes uns zocos novos de todo, cambian por completo», puntualiza Elena.

O zoco flexible, que incorpora unha peza de goma para que poida dobrarse con moita máis comodidade; e o vegano, solicitados por aqueles que rexeitan a utilización e uso de produtos animais; son outras das recentes novidades «que estaba esperando moita xente e que están sendo ben acollidas». Zocos e complementos de Ferro que están presentes en boa parte do mundo, con presenza en importantes pasarelas de moda, en spots publicitarios, que son lucidos por modelos e actores e que cobran especial protagonismo nos pés de noivos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Ferro engade farrapos aos zocos e calcetíns