Comeza a conta atrás para gozar do Entroido de Merza

Amelia Ferreiroa

VILA DE CRUCES

miguel souto

A menos dun mes para a cita máis tradicional, os organizadores pechan flecos e piden bo tempo

09 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ninguén se queda na casa cando toca festexar o Entroido en Merza (Vila de Cruces), e pouco falta para que as rúas do pobo volten a ateigarse de veciños e visitantes. O 4 de febreiro é a cita e a Asociación Vello dos Cornos, coa súa presidenta Belén Guzmán á cabeza, afánase en últimar os detalles dunha festa que é unha tradición «que daría moita pena perdela, e por iso loitamos para levala cada ano un pouco máis arriba».

Unha cita que arrancará ás 11.30 horas coa colorista tropa dos xenerais que irá polas casas todas da aldea a convidar aos veciños ao Entroido cos vivas. Percorrido que continuará ata as 4 da tarde que será cando se inicie o desfile e unha hora despois; ao fío das cinco, comezará no adrio da igrexa a sátira e a retranca de xenerais, mouros, fraile e vellería. Co gallo de agradecer a participación de veciños e visitantes neste Entroido a Asociación Vello dos Cornos premiará os mellores disfraces; a carroza que se presente a concurso e sexa a mellor considerada polo xurado obterá 200 euros e a segunda clasificada percibirá 150. En colectivos estableceuse un primeiro premio de 120 euros e un segundo de 70, e en categoría individual haberá premios de 60 e 40 euros para o primeiro e segundo clasificado respectivamente. Non faltará un fin de festa con chocolate con churros para todos os nenos que acudan ao Entroido «xa que o que buscamos é que a xente o pase ben, se marche contenta e volte para o ano seguinte», comenta Belén Guzmán.

Entre as maiores dificultades desta iniciativa está «elevar a sátira e retranca o que pasou en España, en Galicia e no pobo o que pasou nun ano. Coma sempre sacaranse os trapos a relucir no día do Entroido pero non terá que parecerlle mal a ninguén. É Entroido e está permitido».