«Tractores do 1960 seguen usándose como maquinaria complementaria»

Preparan xornadas de portas abertas coa «Expo 60-30-15», unha ollada ao pasado

.

lalín / la voz

A historia empresarial de Industrias Guerra de Vila de Cruces, e a posta en funcionamento uns anos máis tarde de Hitraf Maquinaria Forestal e Agrícola, marcáronna catro persoas: Ricardo González Guerra e a súa dona, Visitación Buján Fernández, e Benigno Sánchez Méndez xunta á súa muller América González Buján, avós e pais do actual xerente de Hitraf César Sánchez González. «Eles foron os impulsores destas empresas», recoñece. Agora para debullar o camiño andado celebrarán os vindeiros días 15 e 16 de setembro unhas xornadas de portas abertas, de 9.00 a 21.00 horas, para clientes, amigos e público en xeral.

-As xornadas chámanse «Expo 60/30/15 «, ¿que significan esas tres cifras?

-Sesenta son os anos que leva funcionando Talleres Guerra con maquinaria agrícola, trinta son os anos de vida de Hitraf -que colleu a testemuña de Guerra en maquinaria agrícola e forestal- e quince é o tempo que levamos sendo distribuidores para España de Valmet e Komatsu; maquinaria de grandes dimensións, procesadoras e autocargadoras. Falamos de sesenta anos de vida da empresa pero o taller é máis antigo. Meu avó, Ricardo González Guerra, xa traballaba en Cercio nos anos 40. Era un artesán e no 1948 foi cando deixou a parroquia e se trasladou para Vila de Cruces e comezou co taller de reparacións en xeral ata finais dos anos 50. Aí arrancou coa maquinaria agrícola. Entón nós imos conmemorar os 60 anos do taller pero podían ser máis.

-Talleres Guerra e Hitraf, ¿dúas empresas diferenciadas?

-Digamos que Hitraf se creou para absorber a parte da venda de maquinaria agrícola e forestal que levaba Industrias Guerra que queda adicada á venda de grúas forestais e marinas e remolques. Son empresas diferenciadas: Guerra fabrica e exporta a Xapón, Irlanda, Noruega... a todos os países do mundo e Hitraf é unha empresa importadora que distribúe as máquinas suecas en España e vende os tractores con aplicacións forestais por todo o territorio.

-¿A mostra será un percorrido por boa parte da historia da maquinaria agrícola no país?

-Veranse as máquinas fabricadas e vendidas por Talleres Guerra dende os anos 50. Estarán expostos tractores e remolques, dende os primeiros que se venderon ata os actuais. Poderase contemplar a evolución que deu a maquinaria agrícola e forestal nesta comarca dende os anos 50 ata a actualidade.

-Entendo que algunhas serán auténticas xoias.

-Algunhas son obras de museo, restauradas e algúns tractores estarán no seu estado actual sin pintar nin nada. Algúns son vehículos antigos que continúan traballando na actualidade, máquinas do ano 1960 ou 62 que se gardan nas casas e que se empregan para determinadas tarefas como arrancar as patacas. Son tractores complementarios aos modernos que hai nas casas pero se siguen usando aínda que sexa só para determinadas ocasións. Na exposición reuniremos entre 40 e 50 xoias, máquinas que son historia e que pertencen ao momento en que comezou a mecanización agraria na comarca do Deza que foi no ano 59.

-¿Cales son os proxectos máis inmediatos para Guerra e Hitraf?

-Expandirnos. Industrias Guerra está acometendo unha ampliación e instalarase nunha nave en Silleda onde ubicará o mecanizado ao quedárselle pequenas as actuais instalacións, e no caso de Hitraf estamos pendentes da autorización do Concello de Vila de Cruces para poder ampliar cando convertan en industriais os terreos do outra lado da rotonda.

Votación
1 votos
Comentarios

«Tractores do 1960 seguen usándose como maquinaria complementaria»