«Adestrar co Dépor tómoo como unha experiencia para disfrutar»

VILA DE CRUCES

O dianteiro xuvenil estivo tres veces esta tempada as ordes de Víctor Fernández

11 feb 2015 . Actualizado a las 17:19 h.

O dianteiro xuvenil Roi Peiteado (Vila de Cruces, 1997) afronta a súa segunda tempada na canteira do Deportivo. Neste curso foi tres veces chamado para compartir adestramentos e un partidillo co primeiro equipo de Víctor Fernández. A última vez foi este luns.

-¿Que supón ser un dos xuvenís chamados para adestrar co equipo de Víctor Fernández?

-Eu tómoo como unha experiencia para disfrutar. Se me chama máis veces, moi ben.

-¿Varía moito co que fan habitualmente co seu equipo?

-Non cambia moito. Só nos di que o fagamos o mellor posible e nada máis. É o que hai que facer.

-¿Colleuno por sorpresa que sendo xuvenil o chamaran para adestrar co Deportivo de Primeira División?

-A verdade é que si (sorrí). A primeira vez que me chamaron pensei que me estaban vacilando pero despois xa ben.

-Nestes adestramentos que estiveron cos xogadores do primeiro equipo, ¿danlles algún consello?

-Nos partidos anímannos e corríxennos algunhas accións.

-É a súa segunda tempada no Deportivo, ¿como a valora?

-Creo que bastante ben. Intento aprender o que nos ensinan.

-Ten de adestrador a José Ramón, ¿que supón estar cun xogador que foi un referente?

-Bastante ben con el. Aprendemos moito, ensínanos moitas cousas e estou aprendendo bastante aquí.

-Na liga, o equipo xuvenil do Deportivo está segundo, preto do líder, o Celta. ¿O obxectivo é o campionato?

-O que queremos é gañar a liga. Empezamos moi ben a tempada pero esta segunda volta arrancámola bastante mal, cunha mala racha. Pero agora estamos a ver se conseguimos remontar.

-Xoga de dianteiro, ¿hai algún xogador no que se fixe do Deportivo ou de fóra?

-A verdade é que non. Intento xogar o meu fútbol e nada máis.

-E se ten que definir o seu fútbol, ¿que destacaría?

-Un xogador rápido, que lle gusta facer desmarques ás costas da defensa.

-Algunha vez cando empezaba no fútbol na base do Cruces soñaba con chegar as canteiras de referencia galegas, porque estivo no Celta e agora no Deportivo...

-Si. Tiña moitas ganas xogar neste tipo de fútbol xa de nivel, nos equipos que son referencia aquí en Galicia.

-Quédalle un ano máis de xuvenil, ¿xa pensa na próxima tempada?

-Espero seguir no Depor. Pero tamén depende dos estudos porque acabo segundo de Bacherelato, pero en principio seguirei.

-Antes dicía que de pequeno soñaba con chegar a onde está, agora con 18 anos recén cumpridos, ¿cal é a meta que se marca? ¿Ascender ao primeiro equipo?

-O obxectivo é acabar este ano e a ver o que pasa o ano seguinte. Non penso nun futuro. Penso nos estudos e a ver se dou chegado, pero senón...

Roi Peiteado cruceño na base deportivista