Xuntanza anual dos amigos de Maril

Daniel González Alén LALÍN

SILLEDA

Manolo Seijas

O encontro tivo lugar na Casa Grande de Fuentemayor en Silleda

28 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Convocados por José Maril, amigos e colaboradores das primeiras edicións da Feira Exposición Semana Verde de Galicia, da que este fora presidente e un dos fundadores, xuntáronse o pasado venres, na 43 edición do seu tradicional xantar de fin de ano. Nesta ocasión foron 33 os asistentes, xente da empresa, o comercio e da cultura, os máis deles de Silleda, Lalín, A Estrada, Chantada e Santiago de Compostela, que deron conta dun típico cocido, coma nas 43 edición anteriores desta xuntanza, na Casa Grande Fuentemayor.

A quenda de propoñer un brinde correspondeulle este ano ao profesor e escritor silledense, Manuel Mosquera, que tivo unhas palabras de agradecemento para o anfitrión, José Maril, e para lembrar os comezos do certame internacional que se celebra en Silleda dende 1978, no que moitos dos presentes colaboraron e un recordo emocionado, para os que xa non están.

O fotoxornalista lalinense, Manolo Seixas, foi o encargado de facer os retratos que dan fe e gardaran lembranza desta tradicional xuntanza anual, que comezou no ano 1982 e só deixou de celebrase un ano por mor da pandemia do covid e que volverá repetirse por estas datas do Nadal, co mesmo menú, e oxalá que cos mesmos protagonistas e algúns máis que desta non puideron, nesta señorial casa rural da parroquia de Cortegada do municipio de Silleda.