A escola da democracia en Silleda

Ignacio Maril

SILLEDA

05 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Fai tempo que vimos advertindo que ao Alcalde de Silleda a democracia lle queda grande. Durante o pasado mandato xa tivemos que aguantar menosprezos varios, faltas de respecto e toma de decisións arbitrarias sobre todo en aspectos de contratación que deixaban ás claras que a este goberno o que menos lle importaba eran os silledenses e a xestión dos seus impostos, e tan só estaban preocupados de facer aquilo que máis lles podía convir os seus propios intereses.

Vimos nos últimos tempos como a falta de respecto a nós como oposición era continua, e tan só a continua referencia a «maioría absoluta» era para o sr. Cuíña a basta xustificación para facer o que quixera, porque entendía que os veciños o autorizaran para iso, algo irreal e que só cabe en quen non entende que a democracia tamén é dar explicacións da súa xestión a quen lle paga o seu salario, e sobre todo respectar a quen opina diferente.

O que pasou nos últimos meses coa perda desa maioría o único que fixo foi deixar claro que hai quen non é capaz de entender en que consiste ser alcalde, e sobre todo a vocación de servizo cara os veciños e o pobo, algo que debe de estar por enriba de calquera outro interese partidista ou persoal, pero semella que para algúns esa vocación so esperta se hai cartos polo medio.

Cremos humildemente que fomos ata considerados e benévolos co esperpento de «dimisión revogable», coas súas idas e voltas, co seu desprezo aos máis de 2.000 silledenses que confiaron en nós nas últimas eleccións municipais, e cando nin tan sequera nos respondía naqueles plenos onde este alcalde non falaba nada de Silleda e moito do seu salario.

Un alcalde que nin tan sequera é capaz de falar da organización básica do Concello co principal partido da oposición, pero tampouco con quen intenta apoiarse para gobernar, e cando lle faltan as razóns o único que lle queda e o insulto e as faltas de respecto, tal e como demostrou con tódolos representantes das distintas forzas políticas do Concello. O que se demostrou naqueles días é que temos un alcalde déspota, que non lle importa deixar sós ao seu grupo e os que deron a cara por el, e o peor de todo unha persoa sen palabra, incapaz de dar a cara e que non tivo o máis mínimo reparo en esconderse detrás da súa tenente de alcalde para non explicar que é un alcalde teledirixido polo seu partido, que mesmo o tiveron que apartar das negociacións co BNG para poder salvarlle o pescozo politicamente falando, e non o dicimos nós, senón que isto foi algo que recoñeceron os propios negociadores.

Estamos ante un alcalde que non e capaz de explicar as súas actuacións, porque son a base de arroutadas, e mirando so polos seus intereses particulares, e isto non fixo máis que escomezar, por que o sr. Cuíña precisou tan só dun primeiro pleno para ante a evidencia de que as cousas non se estaban facendo ben na modificación do proxecto do Novo Concello, acusarnos de querer outro pleno para cobrar outra indemnización por acudir ao mesmo (el, que fixo o que fixo só por ter un salario máis alto), e finalmente ante as contradicións e a sinrazón da falta de argumentos coa que non daba xustificado a súa posición e intentaba agochar outra xestión nefasta na súa obra estrela do novo Concello, faltarnos unha vez máis o respecto e «mandarme á escola», (Que estaría dicindo de nós si se nos ocorrese mandar ao alcalde á escola...).

O pasado venres no pleno so pedimos o que era xusto, primeiro que nos dera explicacións sobre un máis que dubidoso modificado de proxecto dunha obra municipal, e despois que retirase a falta de respecto que tivo por unha das súas arroutadas, pero novamente foi incapaz de rectificar a súa actuación e pola contra optou por expulsarme do pleno, sen dubida a mellor maneira de seguir campando as súas anchas e poder aprobar subidas de taxas ás familias ou o que sexa necesario como se seguise sendo o señor feudal de Silleda.

Non lle vai a valer esa actitude contra todo o que non sexa o que el queira impoñer, e ao alcalde Manuel Cuíña non lle vai a quedar outra que aprender nesa «escola» a que nos manda el a nós, que xa non ten esa maioría mal entendida na cal esconder as súas arroutadas e a súa actitude de «ordeno e mando», é que a democracia, mal que lle pese, impera tamén en Silleda.