Esgrafiados, mostra da arte popular (III)

daniel gonzález alén LALÍN

SILLEDA

Daniel González Alén

Nas parroquias do norte de Silleda atopámolos en igrexas e casas centenarias

28 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Nas dúas reportaxes anteriores publicadas na Voz demos conta dos esgrafiados que tiñamos localizados ata o de agora, nos concellos de Agolada e Lalín, para continuar en adiante cos demais municipios de Deza onde, malia non ser abundantes as edificacións catalogadas con esta técnica da construción que estivo de moda desde finais do século XVIII ata principios do XX, consérvanse bos exemplos que  imos referir aquí.  Desta tócalle a quenda aos do concello de Silleda, onde temos localizado mostras de esgrafiados ata o de agora en trece parroquias, en igrexas e casas reitorais, fidalgas e labregas, sendo o concello de Deza onde máis abondan, polo que acordamos repartilas en dúas reportaxes: unha coas sete parroquias situadas mais ao norte que publicamos hoxe, coas de Ansemil, Breixa, Carboeiro, Chapa, Dornelas, Mánduas e Ocastro e unha segunda, a publicar proximamente, coas seis restantes de Cortegada, Escuadro, Fiestras, Siador, Taboada e Vilar, situadas máis ao sur do municipio, sen desbotar que poidan aparecer máis noutras parroquias trasdezás.

Exemplos en Ansemil

Unha das parroquias na que máis abondan os esgrafiados é na de Ansemil, onde preto da igrexa contamos ata tres edificacións con sinxelos esgrafiados nas fachadas, destacando pola cantidade a chamada «Casa do Mingucho» e, preto dela, a que fora escola construída hai cen anos, segundo reza no lintel,  e noutra próxima en ruínas,  onde case nin se ven. Tamén abondan na parroquia de  Breixa, na que poden ollarse esgrafiados nunha das paredes da casa reitoral, mesmo ao carón da igrexa, así como na fachada completa doutra casa situada fronte ao pazo de Fares. Unha terceira, atópase no lugar de Outeiro na fachada e na parte de atrás  da ben restaurada casa

señorial de Emilio da Torre, en cuxa entrada  medran dous bos exemplares de ciprés. Tamén hai esgrafiados na parede dunha vella casa do lugar da Pena.

Mostras das moitas igrexas que en tempos tiveron esgrafiados nas súas paredes, son as parroquiais de Carboeiro, que os ten en tres paredes pero moi erosionados, ao igual ca de Ocastro, que aínda conserva algúns entre os seus elementos románicos e nesta mesma parroquia tamén se ven na antiga Casa Grande do Regueiro,  malia que o seu estado de conservación é ruín na actualidade, ao igual ca na casa do Nicasio no mesmo lugar, na que os esgrafiados comparten a parede cun canzorro románico coa cabeza dun boi, traído da antiga igrexa románica.

Tamén hai esgrafiados en dúas paredes dunha casa abandonada en Chapa ao pé da estrada Santiago-Ourense, e noutra preto da igrexa de Dornelas e tamén se poden apreciar nunha parede da Casa do Coto,  datada en 1899, en Mánduas.

Agardemos que se conserven e mesmo se recuperen os nosos esgrafiados, como unha mostra da arquitectura popular e parte do noso patrimonio artístico monumental que temos a obriga de protexer e perdurar.