Os traballos na horta, fonte de gozo en Silleda para os usuarios da residencia

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

Miguel souto

As verduras cultivadas acaban na cociña do centro

28 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A primavera activa as plantacións nas hortas, pero non só nas das casas senón tamén nos xeriátricos. Brota pois unha actividade que non lle é para nada allea aos usuarios da Residencia de Maiores de Silleda, a quenes lles quedou tan grata experiencia a vivida o ano pasado co traballo nos bancais, que xa están novamente coas mans enfundadas en luvas remexendo terra, abonando, plantando e regando. «Están muy activos, con mucha energía y la huerta les recuerda a muchos residentes lo que hacían en sus casas y lo disfrutan mucho», cóntanos Susana Fernández animadora do centro silledense.

Primeiro tocou atender as plantas de exterior da residencia para que as instalacións luciran colorido e, nas últimas semanas, centrarse xa na supervisión das leitugas e dos repolos que foron plantados semanas atrás, e cuxos primeiros xa pasaron ás cociñas da residencia para ser degustados cocidos e con allada por parte dos residentes. «Están muy pendientes de regar, mirar como van creciendo las plantas y nos explican en que lunas hay que sembrar cada cosa, tal como lo han hecho toda su vida en sus propias huertas en la aldea. Disfrutan mucho de esta actividad», constata Fernández. As plantas aromáticas, que tamén terán unha finalidade culinaria, son cultivadas con mimo polos residentes. Ao carón das ringleiras de leitugas e dos repolos dos bancais pode verse medrar tamén orego, perexil e herba luisa que pasarán a aderezar as carnes e os peixes que degustarán os residentes. Un grupo de vinte usuarios son os que de forma cotiá se ocupan de supervisar o crecemento dos produtos da súa pequena horta familiar. «Siempre están muy pendientes de las hierbas que van creciendo en los bancales, pero también de que no falte el riego», comenta a animadora da residencia.

A actividade hortícola, tan apreciada por celebrarse ao aire libre, combínase con outras opcións nas que toman parte os residentes. Así a ximnasia, xunto co desenvolvemento de accións diarias que se levan a cabo todos os días no centro, como xogos de mesa, cartas, pintura e debuxo fan que os usuarios teñan os días cheos de opcións.

A Residencia dos Maiores de Silleda con catro anos de traxectoria desde a súa fundación, que celebrou o pasado día 12 de maio a súa Festa da Familia, conta actualmente con 59 residentes, e mantén unha lista de agarda para poder facerse cunha praza no centro silledense, ademais de atender na actualidade a unha ducia de persoas que acoden ao centro de día.