Manuel Cuíña (PSOE): «O PXOM nos vai permitir ter máis solo industrial»

Javier Benito
javier benito LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

Cedida

O candidato socialista aspira a renovar por terceira vez a maioría absoluta e destaca a dobre aposta no programa polas persoas e polo porvir

14 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Alcalde de Silleda dende o 2013, Manuel Cuíña (Devesa, 1966), residente na Bandeira e transportista autónomo. Entrou en política no 2017 despois de presidir e formar parte de distintos colectivos. No 2015 e no 2019 acadou sendas maiorías absolutas co PSOE. Ten dous fillos e un neto, Luca, o seu grande orgullo.

—Como valora a situación política actual?

—A situación política é estable, cun goberno consolidado que aporta estabilidade á sociedade, nun municipio que segue a medrar en moitos sentidos.

—Cal é obxectivo do PSOE para o 28M?

—A nosa intención non é outra máis que revalidar a maioría absoluta, que esperamos consolidar e a poder ser mesmo ampliar. Houbo unha renovación con moderación e entraron 4 novas persoas pero sempre contamos coa experiencia que caracteriza a este goberno.

—Ve factible unha nova maioría absoluta ou incrementar a representación?

—Nós traballamos estes 4 anos pensando no mellor para Silleda, e cremos que o fixemos ben. Por iso agardamos renovar a maioría e incluso ogallá poidamos incrementar a nosa representación.

—Que destacaría do mandato?

—Foi un mandato distinto, marcado pola pandemia e a guerra de Ucraína, con case dous anos de parón, pero no que demos exemplo sendo o primeiro Concello de Galicia en habilitar e pagar axudas directas aos sectores económicos que tanto sufriron durante a crise do coronavirus. Fóra diso, non deixou de ser moi produtivo para Silleda. Logramos aprobar o PXOM e a RPT, das normas máis complexas para unha entidade local. Estamos a piques de inaugurar a nova casa consistorial e por estes logros, vendo cómo foi o mandato hai que estar sen dúbida satisfeitos.

—Cales son os eixes que vertebran o programa do PSOE silledense?

—Estruturase en dous eixos: a Silleda das persoas, con políticas de benestar, igualdade, integración mocidade,… e a Silleda do porvir, onde xogará un papel fundamental, esencial e definitivo o PXOM, que nos vai permitir en 4 anos ter máis solo industrial, para o que xa temos acordo con Zona Franca.

—E a nivel de emprego e economía?

—En materia social desenvolveremos novas iniciativas para os nosos maiores, a mocidade, para favorecer a integración, e na economía e urbanismo xogará un papel clave o PXOM. Poder crear xa solo industrial significará máis industria, máis emprego, más traballo, máis veciñanza… E permitir desenvolver o noso rural, que a xente se quede en Silleda, seguir apostando por un urbanismo sostible…