Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística: «Estou facendo unha catedral»

SILLEDA

Luis Polo

Con dez anos no cargo, este clarinetista optimista non cre que se poida aplicar un discurso apocalíptico sobre o galego

23 ago 2022 . Actualizado a las 10:04 h.

Valentín García (Silleda, 1970) fala moito e moi rápido. Pero resulta convincente. No seu discurso sementa ideas, palabras, conceptos que tecen unha atmosfera de comodidade dende a que convence. Comigo é fácil. Pero no seu cargo seguro que non o é tanto. E xa leva dez anos.

—Un decenio, bo momento para facer balance. Como lle foi?

—Eu creo que ben, con acertos e erros. Pero, polo menos, dende que estou aquí, conseguiuse algo moi importante que é unha alta dose de paz lingüística. Os sectores da lingua, sempre moi activos, sempre moi sensibles, coas súas reivindicacións, teñen vías de diálogo e pontes tendidas. Non hai o enfrontamento que había hai dez anos. Estamos a facer cousas moi interesantes porque hai paz lingüística.

—Aínda que sempre se percibe un certo catastrofismo cando se fala do futuro do galego. Compárteo?

—O discurso apocalíptico é tan vello como a humanidade porque ten unha parte de romanticismo e tamén porque xera salvadores: cando algo se está perdendo sempre hai que buscar alguén que o salve. Coa lingua galega pasa dende os tempos de Marcial Valladares. Unha lingua como o galego, que ten máis de tres millóns de falantes, non é unha lingua en desaparición nunca. E menos nos tempos que corren. A Unesco di que unha lingua está en perigo de extinción cando baixa de cen mil falantes. Cen mil falantes de galego hainos só en Cataluña. Isto dá unha idea do estéril dese discurso.

—Pero a xuventude...

—Tamén é capaz de falar galego. E de escribilo. O que pasa é que tamén fala outras linguas. Estamos ante un panorama de plurilingüismo. Temos que coidar a nosa lingua, pero non pechar as portas ao plurilingüismo, que non é nada malo.

—Xa non existe entre os rapaces ese estigma cara ao galego? De que non se liga, por exemplo.

—Iso pasa, pero en ámbitos urbanos ou periurbanos, e aínda que seguen funcionando, xa non tanto. E nas cidades, o galego nunca tivo moita presenza en Galicia, dende a súa propia creación. Pero eu creo que, aínda que queda moito por facer, perdéronse moitos prexuízos. Antes era moitísimo peor, o galego gañou en prestixio.

—Fenómenos como o das Tanxugueiras poñerano moi ledo.

—Claro! Porque demostra que se poden facer cousas importantes en galego, que é outro vello estigma. O das Tanxugueiras é unha evidencia porque triunfan nun mercado moi difícil e non só cun tema en galego, senón cun tema étnico.

—Fai falta máis galego na escola?

—Esa é outra vella polémica. Eu creo que o galego está facendo a súa función na escola. Os datos que temos son que, en Galicia, o 86 % da poboación é capaz de escribir en galego e que o 98 % son capaces de lelo. Son unhas cifras insólitas. No que temos que esforzarnos de verdade é en que nos colexios se fale máis galego, pero no patio, cando saen xogar... Aí é onde se ten que falar máis galego, nos espazos de socialización. Temos que crear unha sociedade que fale máis galego.

Edgardo

—Din que vostede é o enlace que ten o PP cos nacionalistas. Non sei que lle parece iso.

—A min sempre me gustou ser enlace; gústame escoitar máis que falar, e iso que din que falo moito. Eu non son nacionalista, evidentemente, son galeguista. Non creo que Galicia teña que ser nación para reivindicar os seus dereitos e para cultivar a súa lingua. Temos que tender pontes e convencernos de que os pobos somos parecidos entre nós. Temos que unirnos, non separarnos, por iso son un pontífice, no sentido radical da palabra. Gústame moito entender a xente, escoitala e buscar o bo dela. Eu entendo os nacionalistas, porque o nacionalismo é unha forma de conservar. Pregúntame moita xente se son do Bloque, e cando digo que son do PP quedan cos ollos como pratos. O PP é un partido moi grande, un partido de convivencia e de confluencia.

—Celta ou Dépor?

—Eu son da provincia de Pontevedra, así que Celta, aínda que non son futboleiro. Preocúpalle máis ao meu fillo.

—Cantos fillos ten?

—Dous, unha de 19 anos e outro de 15, que é do Celta e estivo o sábado en Balaídos.

—Onde pasa as vacacións?

—Normalmente nas Rías Baixas, e este ano en Sanxenxo, polos rapaces. Pero gústame viaxar por Galicia enteira.

—Que fai co pouco tempo libre que seguro que ten?

—Estar na miña aldea, que a boto moito de menos; estar coa familia e ler. E escoitar música.

—Vostede ten formación musical, cal é o seu instrumento?

—O clarinete.

—Sácao con frecuencia?

—Non teño tempo, pero gústame moitísimo.

—Cantas linguas fala?

—Pois falo con fluidez o francés, un pouco de inglés, falo portugués, castelán e galego. Se tivese tempo, estudaría algún máis porque non se me dan mal.

—A súa palabra en galego.

—Agarimo.

—Sabería facer unha empanada?

—Algunha teño feito, aínda que non para gañar un premio. Pero non son moi cocinillas.

—Busque catro palabras que o definan.

—Unha é paciente; outra estratego, non me gusta improvisar. Creo que son bastante traballador. E tamén son feliz. Son feliz de facer o que fago e de ser quen son. Considérome moi afortunado nesta vida. A felicidade é unha actitude. Non sei se lle contaron algunha vez a anécdota dos dous canteiros que estaban na praza do Obradoiro e lle preguntaron a un que estaba facendo e dixo: «Picando esta pedra, que está tan dura, que cada vez é peor». E cando lle preguntaron ao outro, respondeu: «Eu estou facendo unha catedral». Pois eu creo que estou facendo unha catedral.

—De non dedicarse a isto, que lle gustaría ser?

—Ás veces penso que mariñeiro, para recorrer o mundo. Ou médico, tamén, por esa vocación de axudar os demais, aínda que pode que fose un médico horrible. E pianista.

—Unha canción.

—O Alalá das Mariñas.

 

—O máis importante na vida.

—Ser feliz, estar contento. Levantar a persiana todos os días e ver a luz é un dos regalos máis grandes que podemos ter.