Patricia Pereiro López: «A pandemia fíxonos comprobar a importancia do pequeno comercio»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

E CUIÑA

Reivindica máis axudas ao emprendemento e que medre o asentamento no rural

15 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cursou. Bacharelato e Administración. Traballou por conta allea antes de emprender, e facerse autónoma.

É. Dona de «A despensa do ferrador» de Lamela, que só está pechada o xoves pola tarde. As fins de semana e os festivos mantén as súas portas abertas.

Despois de traballar ao longo de varios anos nunha panadería, Patricia Pereiro López (Dornelas, Silleda) comezou a valorar a posibilidade de abrir un negocio de seu. «Todo é máis fácil cando se prantexa que cando toca materializar o proxecto», sentencia. Foron meses de papeleo e de noites sen durmir ata que puido abrir o seu negocio. Pero dende que agromou a idea ata que se fixo realidade pasou un ano. A pandemia ficou no medio.

—Como nace este proxecto empresarial?

—Pois sempre fun unha persoa decidida, e xa lle comentara a meu pai a idea de contar con algo propio. Estivemos barallando algunhas opcións... O estanco que había aquí en Lamela traspasábase por xubilación e pensei que podería ser unha posibilidade... Cheguei a un acordo cos propietarios e aí comezou esta pequena aventura empresarial, non sen algún atranco polo camiño.

—A pandemia foi o problema fundamentalmente?

—A situación sanitaria e o confinamento foi un problema pero tamén a cuestión burocrática que é infinita, tiedosa, complicada... todo o que lle queiras poñer. Chorei máis dunha noite por non atopar solución a un papel, saber a onde dirixirme... Información hai moi pouca, as axudas son escasísimas e hai que buscarse a vida. Dende logo que o proceso para abrir non foi fácil e se queres emprender o traxecto non é fácil. Podo dicirche que a única axuda que recibín foi a do Concello de Silleda, polo menos ata a data, e que a tramitación foi moi sinxela.

—Imos paseniñamente na posta en marcha deste proxecto... Detrás do nome da tenda de alimentación-estanco seguro que hai unha historia.

—Haina. Meu pai era Manuel Avelino, coñecido en moitos sitios xa que era o ferrador de Penaporrín, meu avó Luis Pereiro tamén foi ferrador, como o foi tamén meu bisavó e meu tataravó... Nós sempre fomos a «Familia do ferrador», entón a tenda non podía levar outro nome (sorriso). O certo é que xa o tiña escollido antes de que falecera meu pai, e pretende ser unha homenaxe á súa persoa.

—Asocias estanco e alimentación, por que?

—Débese a que o estanco tiña que ir con outra actividade e pensei na alimentación xa que pola contorna non hai establecementos destas características. En Lamela só hai unha tenda que vende alimentos, logo por Cervaña, Moalde e Piñeiro non hai ningunha. Os veciños desas zonas teñen que ir ata Bandeira ou Loimil, xa no Concello de A Estrada, para atopar un establecemento desas características. Nós, despois de facer unha radiografía da situación na contorna pensamos que podía ser una opción atinada apostar pola alimentación.

—Antigamente practicamente todas as aldeas contaban cunha tenda de alimentación onde se situaba ademais o servizo de teléfono público.

—É certo pero na actualidade pasa todo o contrario: son contadas as aldeas que teñen unha tenda de alimentación, como dicía antes, e aínda que tamén é certo que algunha xente moza o está vendo como un futuro laboral. Creo que a pandemia nos permitiu comprobar a importancia do pequeno comercio. Lembremos que no confinamento ou nos peches perimetrais non estaba permitido ir fóra do noso municipio; e se non houbera tendas como nos amañaríamos? A xente seguro que agradeceu poder mercar ao carón da casa e sen ningún problema. É preciso volver ao rural e darlle vida as nosas aldeas.

—Pero con menos burocracia?

—Iso dende logo. Eu grazas á Asociación de estanqueiros que me axudou cos papeis.