O Castro de Toiriz, en Silleda, acollerá no vindeiro mes de setembro visitas teatralizadas
SILLEDA
A Deputación de Pontevedra pon en marcha un novo programa de posta en valor dos castros musealizados da provincia. As rutas de visitas guiadas chegarán en setembro ao xacemento silledense de Toiriz baixo o nome de Historias Cavadas. As sesións serán realizadas polo grupo Troula Animación e, máis concretamente, protagonizadas por dúas personaxes, un romano e unha castrexa.
A compañía Troula está especializada en teatro e animación, contando cunha traxectoria de máis de 20 anos na produción de espectáculos na rúa. O obxectivo de Historias Cavadas é dar a coñecer a historia dos xacementos e potenciar o turismo local dun xeito máis dinámico e ameno.
As visitas arrancarán o vindeiro 2 de setembro en Toiriz, onde tamén se celebrará outra ruta o día 3, ambas ás 20.00. Tamén se inclúen nesta actividade cultural e turística os xacementos de A Subidá de Marín e o de Castro Alobre de Vilagarcía, recentemente reformados. Haberá 25 prazas para cada unha das visitas e as persoas interesadas deberán reservar no enderezo historiascavadas2021@gmail.com. No correo deberá indicarse o nome do castro e a data da visita, o nome completo das persoas solicitantes e un teléfono de contacto.