O programa cultural MoVEMOS Silleda chegará en agosto e setembro con máis actividades

La Voz LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

E CUIÑA

31 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A programación cultural estival de Silleda continuará o resto do verán con máis propostas. As actividades volverán o 5 de agosto con máis música, espectáculos infantís, teatro e rutas. O xoves 5 de agosto celébrase na praza Juan Salgueiro un concerto impartido polo artista jazz Xacobe Martínez, que actuará coa Banda Recreativa e Cultural ás 20.30 horas.

O venres día 20 chegará á praza Juan Salgueiro a actuación de Odaiko Percusión. O día 21, a localidade acollerá varias actuacións. A charanga Eravisto amenizará a sesión vermú e ás 21.00 terá lugar na praza a actuación da Banda Recreativa e Cultural da Bandeira co artista circense Freddi, de Circanelo. O domingo 22 a banda local dará un pasarrúas e pola tarde, ás 19.00, terá lugar o espectáculo Seres fantásticos, para os máis cativos.

O mes de setembro arrancará con actividades de dinamización lectora a través do programa Ler Conta Moito, na biblioteca municipal Daniel Castelao. a primeira das citas será o venres 3 con Paula Carballeira e a sesión Elas tres. A nai, a nena e a bruxa. A biblioteca silledense acollerá en setembro outras dúas citas: un obradoiro para bebés co lema Tecendo soños e outra proposta titulada Vivan as unllas de cores. O sábado 4 a compañía Hípica Celta recala en Silleda co espectáculo Circotour. A música clásica seguirá en Carboeiro da man do programa Música no Ar coa actuación de piano de Brais González e coa soprano de Beatriz Cuevas.