«Rebaixas en galego» en Silleda: a campaña para fomentar a lingua no comercio local

La Voz LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

Cedida

03 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende o Concello de Silleda veñen realizándose actividades de fomento e promoción do emprego do galego en diversos ámbitos da vida dos silledenses. Este ano, coincidindo unha vez máis coa tempada de rebaixas de verán, volve a activarse esta iniciativa dirixida a todos os comercios do municipio.

Así, dende este mes de xullo actívase a campaña «Rebaixas en galego», unha iniciativa que xa tivera unha gran acollida polos comercios en edicións anteriores. Trátase do deseño, edición e impresión dos cartaces informativos para a súa colocación durante as épocas de rebaixas nas vidrieiras dos comercios. Todo isto de cara a evitar a publicidade en castelán nos escaparates da rúa.

Tamén se editarán pegatinas para as vidrieiras co lema «Non deixes a lingua na porta, entra! Atendémoste en galego». Son pegatinas para colocar na entrada do local comercial.

A concelleira de Normalización Lingüística, Ángela Troitiño, afirma que «entendemos que o fomento da utilización da lingua galega depende de múltiples axentes que deben traballar cun mesmo obxectivo». Estas actividades, unidas ás levadas a cabo por outras institucións públicas e tamén privadas, teñen unha gran importancia á hora de promocionar o emprego do galego entre os veciños e veciñas de Silleda.

As campañas están dedicadas a comercios con alto grao de comunicación e interacción entre os suxeitos da compra-venta. Froito disto son as campañas «O meu comercio? En galego!» ou a campaña de Nadal que se vén celebrando nos últimos, «Silledagasalla», ca implicación da comunidade educativa.

Para obter as pegatinas desta campaña polas rebaixas hai que dirixirse ao departamento de Normalización Lingüística no centro social de Silleda ou comunicándose a través de teléfono ou correo electrónico.