Unha nova mirada sobre a historia da parroquia de Abades

daniel gonzález alén LALÍN

SILLEDA

Daniel González Alén

José María Ezequiel Ferrer publicou un libro que amplía o feito sobre o santuario

12 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Donde el mundo se llama Abades é o titulo do libro que ven de publicar o investigador trasdezao José María Ezequiel Ferrer Valiente, no que versa con amplitude e detalle, da historia e o patrimonio desta parroquia de Silleda, ben coñecida polo seu celebre Santuario da Virxe dos Desamparados, grandioso templo que aló polo século XVIII mandara construír o sacerdote valenciano Joaquín Espés.

 

O libro, que prologa o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, nativo desta parroquia, foi financiado polo propio autor e ben sendo unha versión en castelán do que publicara vai para dous anos, co título Santuario da Nosa Señora dos Desamparados, ao que case duplica en páxinas, con numerosos apuntamentos do santuario, a súa liturxia e devoción ancestrais, da igrexa románica, o cruceiro e a fonte coa que forma un extraordinario conxunto, así coma outros aspectos destas terras na que deixaron a súa pegada os habitantes da prehistoria na senlleira mámoa da Chousa Nova. Tamén foron berce do escritor Ramón de Valenzuela, cuxa familia conserva o pazo da Viña na parroquia, o xuíz Cayetano Taboada Ulloa, o cura e investigador José Espiño Arceo, o seu irmán Benito, cóengo da catedral de Santiago e o que fora alcalde de Silleda, Juan J. Salgueiro Montouto, entre outros.

Tratase dun verdadeiro «libro parroquial», indispensable para os veciños da zona, de interese para cantos desexen coñecer estas terras que rega o Cervaniña que antes de fundir as súas augas no Deza, move aquí unha ducia de muíños e entre sinxelas pontellas e fermosas fervenzas, e súa relación con outras de Galicia e do país valenciano de onde veu a devoción a Nosa Señora dos Desamparados, que se venera neste grandioso santuario dende inmemorial, malia que últimos tempos está esmorecendo na mesma medida en que a parroquia está a perder poboación, mentres outros da comarca manteñen a devoción e a concorrencia, caso do Corpiño, ao que nun tempo estivo vencellado este de Abades, o da Saleta de Siador ou mesmo o do Faro, nos lindeiros de Rodeiro con Chantada.

O estimado autor anda preparando outro traballo sobre a ermida do San Caetano do lugar de Bazar desta mesma parroquia, que tamén se encargará de publicar Edicións Fervenza de Silleda, onde este interesante libro se atopa a venda, ao igual que nas librerías da capital de Trasdeza.