Discordia en Fiestras polo Canal dos Muíños

Daniel gonzález alén LALÍN

SILLEDA

Daniel González Alen

Un veciño taponou con cascotes parte do acueduto que levaba a auga do río Toxa para regar os prados e mover os muíños de preto do lugar de Maril, no municipio de Silleda

28 jul 2020 . Actualizado a las 17:29 h.

Nin a pandemia e o confinamento que trouxo o coronavirus dan rematado cos atentados que está a sufrir o noso patrimonio material. Quizais aproveitando esta circunstancia, un veciño de Fiestras ven de encher de cascallos e restos de materiais de construción, un tramo de case un cento de metros da antiga canle que atravesa unha leira da súa propiedade. Este acueduto feito con lousas de pedra, cunha anchura de algo máis de dous metros e case un quilómetro de lonxitude, arrinca nun encoro construído hai un par de séculos no álveo do río Toxa abaixo da ponte dos Muíños, e logo de atravesar a leira referida, continua a pé dun camiño público pola cima das praderías dunha ducia de propietarios, servindo en tempos, para mover dous muíños e tamén para para a rega destes terreos, que agora son de secano para mellor rendemento da actual maquinaria agrícola.

Os muíños, situados a un e outro lado da estrada que vai de Fiestras a Escuadro, eran os coñecidos coma o das Pereiras e o de Babelle, os dous de herdeiros e dunha soa moa e deixaron de usarse a mediados dos anos setenta do pasado século, cando chegaron os muíños eléctricos e a moenda de cereais foi moi a menos. Estas terras, ao igual que os camiños e as pontes da parroquia foron obxecto de concentración parcelaria hai máis de cincuenta anos, respectándose a nomeada canle, os muíños e as súas servidumes que figuran documentadas nos títulos de propiedades que lles foron entregados aos veciños.

Valor etnográfico e patrimonial

A actitude deste veciño insolidario, está a provocar o enfado doutros que coidan que malia que o canal e os muíños quedaron en desuso e medio ocultos polo abundante mato, ben merecían ser respectados polo seu valor etnográfico e patrimonial, e mesmo deberían ser restaurados convenientemente coa colaboración de propietarios e organismos públicos. Coidan que Augas de Galicia, o Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil e mesmo o propio Concello de Silleda, terían que intervir de oficio, evitando unha denuncia deles, que poida traer enfrontamentos veciñais. Con todo, cabe subliñar que logo da nosa visita o lugar, o veciño en cuestión xa retirou parte dos cascotes a petición doutros residentes desta zona de Trasdeza.

A ponte de Maril segue en ruínas e coa ameaza de caer

Augas baixo da canle referida, preto do lugar de Maril, hai unha nova ponte de formigón sobre o Toxa que fixeran os da concentración parcelaria, que serve agora de comunicación entre as parroquias de Rellas e Escuadro, deixando unha antiga ponte situada a pouco máis de cen metros, fora de servizo e xa medio arruinada pola falta de mantemento. Trátase dunha ponte de canterías ben labradas que pode datar do século XV polo que un importante camiño que pasaba o carón da Casa do Convento de Maril, salvaba o río Toxa e que as enchentes da invernía deixaron totalmente fora de servizo ao derrubar un dos dos ollos e mailo peitoril.

O Concello de Silleda solicitou permiso para a reconstrución desta ponte a Xunta de Galicia e mesmo Augas de Galicia no ano 2016, sendo exposto publicamente o ambicioso proxecto, pero deica o de agora o asunto non pasou do papel e os troncos e as hedras, ameazan con chimpar a parte que queda en pé desta histórica e monumental ponte.

No mesmo lugar de Maril, por onde decorría a antiga calzada referida que hai pouco se cubriu con cemento, hai un par de casas que pertenceron aos señores do Pazo de Raíndo (Piloño-As Cruces) que xunto a outras que conservan elementos construtivos de entre os séculos XV e XVIII e algunhas construcións propias da arquitectura popular, fan do lugar un curioso poboado típico e histórico que ben merecían unha axeitada posta en valor. Esta fértil parroquia gandeira situada en pleno val do Toxa, ten tamén outros valores patrimoniais de grande interese, entre os que destaca a súa igrexa románica, que merecen conservarse e protexelos fronte a actuacións coma a que por desgraza, temos que referir aquí.