«As bailas de Margaride conxugan gastronomía e folclore no rural»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

E CUIÑA

Aposta por dinamizar a actividade cultural na aldea con formacións galegas

25 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A historia persoal de Katyuska Álvarez Contreras pivota entre dous países: Venezuela e España, entre grandes cidades e un pequeno pobo dezao. Nada nese país iberoamericano, de pai natural de Os Ancares (Óscar Álvarez) e de nai venezolana (Xiomara Contreras), viviu en Manresa (Barcelona) e ao nacer a súa filla apostou por criala na Bandeira (Silleda), e continuar misturando a súa profesión de hostaleira co redescubrimento da pandeireta. A Bandeira, un pobo polo que só ten verbas de agarimo, malia non manter raíces familiares no mesmo.

-Como chega entón a instalarse na Bandeira?

-Foi por un click no ordenador (ri). Explícome. Meu pai prexubilouse en Portugal e decidiu buscar unha casa en Galicia con finca para que os cans puidesen dispoñer de espazo, e apareceu unha na Bandeira. Gustoulles, viñeron e logo nós. Unha casualidade (ri).

-Adícase profesionalmente á hostalaría, pero en que momento comeza a súa relación coa pandeireta e a promoción de bailas?

-Comeza un chisco despois da adolescencia. Realmente non sei se houbo un momento exacto... Empecei a ir a eventos, a disfrutar dese concepto de festa totalmente novidoso, das foliadas nas que podes ser espectador pero tamén artista espontáneo... Posteriormente Rosario das Marías creou aquí un grupo moi interesante no que daba aulas aos interesados, sen restricións de idades, no que se ía a aprender polo gusto de aprender pero por motivos de traballo duns e outros acabou por desaparecer.

-De que ano estamos falando?

-Penso que se deixou no 2017. Eramos unhas oito mulleres e un home... Foi unha experiencia fermosa pero xa non está funcionando e no medio uninme ao grupo Fortín da Pomba de Bandeira pero requería de tempo de ensaio, inversión e finalmente só estiven un curso.

-O interese pola pandeireta seguiu, non?

-Si, si. Aí están as bailas de Margaride no Mesón de San Fiz e a idea de manter ao longo do ano, se é posible, un calendario de actuacións.

-E como se artella todo isto?

-Pois eu na hostalaría comecei da man da miña nai no ano 2003 no restaurante que tiña en Mondoñedo. Logo continuei no gremio ata que apostamos por facernos coa dirección do Mesón de San Fiz en Margaride e coincidindo coa despedida de Xavi Castaño, un amigo músico que se marchou para Londres, decidimos despedilo como mellor sabiamos; con música. Houbo pandeiretas, pandeiro e acordeón e así naceron as bailas.

-Que pretende procurar con esta iniciativa?

-Dinamizar a actividade cultural no rural, conxugando gastronomía e folclore, dando prioridade ás formacións galegas. Quero ofrecer unha opción de ocio non nocturno interxeracional.

-Con que periodicidade se van a celebrar?

-A primeira baila foi a finais de xuño e a intención é repetila con carácter quincenal, apostando por agrupacións que sexan galegas. Polo momento xa teño tres actuacións pechadas. O Bicoia Tradi Band actuará o 16 do próximo mes de agosto, a Charanga Bicoia fará o propio o día 30 e contaremos coa pianista María Mendoza o 13 de setembro.

-Cales foron as primeiras respostas do público?

-A maioría dos asistentes eran de fóra. Aquí non hai moito costume de tomar parte neste tipo de iniciativas pero a xente séntese recoñecida co que facemos, e encomia que manteñamos os topónimos da zona; por poñer San Fiz e Margaride no mapa. Galicia está chea de riquezas.

Autodidacta. Aprendeu o oficio da man da súa nai que leva 25 anos á fronte de cociñas de distintos establecementos hostaleiros.

Hostalaría. O seu pai, con amplo dominio en comedor e sala, formouse en Marbella nos anos 60 e foi quen lle ensinou parte do que sabe.

«A dinámica cultural na Bandeira, sendo un pobo pequeno, é absolutamente imparable»

Katyuska forma parte dese aplaudido grupo de emprendedores, sempre ben recoñecidos; máis se cabe nestes tempos complexos e duros. Unha difícil situación que non amedrenta á xove empresaria que hoxe mesmo lle abre novamente as portas a un establecemento icónico en Silleda; o Bodegón Trujillo, cunha antigüidade de 40 anos.

-Nos momentos que corren polo coronavirus abrir un local é de valentes.

-Iso é o máis suave que me dixeron (ri). Meus pais son emprendedores e aprendin deles eses valores. E se un negocio non funciona hai que darlle paso a outro, pero sen perder a ilusión. Sabemos que son momentos moi duros pola pandemia pero temos experiencia no mundo da hostalaría, eu levo dezasete anos e miña nai vintecinco. Sabemos do que falamos e neste caso concreto penso que o local é un referente de sempre e iso é o que busca a xente.

-E aquí tamén se conxugará a gastronomía coa música?

-(Ri). Pois mira xa estou pensando en facer algo así como «As Tardiñas do Trujillo», algún formato de concerto pequeno que hai un sitio estupendo no local para poder organizar algo desas características. Creo que podería funcionar. Á xente hai que brindarlle opcións culturais aínda que este é un municipio moi rico en canto a asociacións e agrupacións, que veñen funcionando ao longo do ano, con importantes ofertas. A dinámica cultural na Bandeira por exemplo, aínda sendo un pobo pequeno, é absolutamente imparable.

-Vamos que a vexo jubilarse no municipio.

-Xa veremos (risas). Son muller de mar. Apórtame moita paz, e identifícome moito con el... A miña intención é botar a andar estes proxectos que me ilusionan e logo vivir ao lado do mar.