Silleda colabora co Pedrón de Ouro no certame literario Modesto Rodríguez Figueiredo

La Voz LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

Cedida

17 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Silleda formará parte xunto coa Fundación Padroado Pedrón de Ouro na organización da LXVI Edición do Premio de Narracións Curtas Modesto Rodríguez Figueiredo. Este premio de narracións, o máis antigo de Galicia, celébrase cada ano coa colaboración dun Concello galego distinto, participando o ano pasado o de Sta. Uxia de Ribeira e o anterior o de Mazaricos.

Aínda que as bases do premio non están dispoñibles polo momento, si que o está a data límite para concorrer, sendo esta o 20 de novembro. Polo outro lado, a entrega do premio probablemente se celebre durante a segunda quincena do mes de decembro, no lugar que estime o Concello de Silleda. O gañador deberá acudir presencialmente no acto de entrega, cuxa data se lle comunicará oportunamente.

Dende a organización destacan que en cada convocatoria participan sobre setenta e cinco obras orixinais, sendo boa parte destas pertencentes a autores novos. Tanto é así, que a crítica literaria galega engloba aos gañadores deste premio baixo o nome de «Xeración Pedron».

O xurado estará composto por un representante do Concello de Silleda, un membro da Asociación de escritores en lingua galega, un membro do Pen Clube de escritores de Galicia, o presidente do Pedrón de Ouro e o secretario da fundación. Xunto a eles tamén estará Estíbaliz Espinosa, gañadora da edición do ano pasado.