Cachita, orgullo da memoria

Matías R. da Torre

SILLEDA

18 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Había unha tempada que non sabía de Cachita, a comezos de mes, supoño que o día 3, data do seu aniversario, veume ao recordo. Onte souben do seu pasamento por xente que a admiraba, como a admirei eu todo o tempo desde que fixen grande amizade con ela. Vinte e catro horas despois xa son quen de escribir cousas que me deron voltas toda a noite pasada. @s silledenses saben de Cachita pola súa implicación na asociación de mulleres Xuntanza, por ser a muller que traballou denodadamente a prol de levantar a Semana Verde de Galicia, e especialmente, a Asociación Feiral Semana Verde, e tamén por ter a condición de posuír unha memoria prodixiosa, que sempre utilizou para informar a quen quixese coñecer detalles sobre Silleda, os detalles do público, da preocupación social pola súa vila, e sobre todo, dese pasado que ela vivira intensamente, do que moit@s renegaban e renegaron, e do que ela ergueu a bandeira para que a democracia actual non esquecese @s derrotad@s polo franquismo, @s represaliad@s e vítimas do 36 e da ditadura.

Cachita do Castrelo, como me ten dito que gostaba de lembrarse, naceu na Habana nos anos 20, era filla de Daniel Sánchez Mallo, concelleiro durante a República, o cal xunto con toda a corporación presidida polo alcalde Emilio Alonso Paz, asasinado en 1937, foi unha adolescente consciente do sufrimento provocado polo fascismo e a perda deliberdades e dereitos do pobo; e así durante toda a súa vida.

Calquera persoa curiosa, investigadora ou non, que quixese profundizar sobre Silleda e recuperar a súa memoria, tiña que obrigatoriamente entrar en conversa con ela, era necesario procurar a Cachita para contextualizarmos o pasado recente da nosa vila, do noso concello. E amais, coñecer a verdade.

Cachita activouse especialmente nos anos nos que a recuperación da memoria histórica se popularizou e tivo un decidido apoio institucional en Galiza (2005-2009),e deste xeito promoveu con Adellís e a Comisión pola Memoria Siñor Afranio o cambio no rueiro da vila de Silleda para reestablecer os nomes do galeguista Alonso Ríos, o empresario Perfecto Pereiro para quen elaa sempre propuxo unha rúa.

Participou coa súa voz de palabras afoutas na Homenaxe pública ao Alcalde Emilio Alonso Paz no setenta aniversario do seu fusilamento, tamén no desagravio que a Xunta de Galiza organizou en 2007 para homenaxear ás mulleres vítimas da represión franquista, alá tiñamos a Cachita no estrado do Teatro Principal de Santiago de Compostela, levando o testemuño das familias de Silleda, das rapazas que viran o horror e que dignamente o mantiveran no recordo para poder superalo contándolllelo ás xeracións máis novas. Compartimos emocionados con ela a visita á illa de San Simón, onde o seu pai e unha trintena de trasdezaos penaron pouco despois do golpe de estado de xullo de 1936 e nos primeiros tempos da represa franquista.

Tal foi a voráxine de actividade e preocupación social de Cachita que até accedeu por dúas ocasións a ocupar postos de honra na candidatura do BNG ao concello de Silleda. Dou fe de todo isto porque o vivín en longas tertulias e debates na súa casa. Era un espectáculo observar as conviccións, as ideas e a forza dunha muller na que subxacía sempre ese sentido común na discusión política baseado no antifranquismo e na esquerda da que era herdeira por orgullo, memoria e pensamento. Esa era a súa mellor arma para loitar por todas as garantías de non repetición duns feitos que nunca deberan acontecer.

Con esa verdade antedita buscou sempre a xustiza, o recoñecemento, a divulgación do que pasara coa finalidade de reparar unha historia mal contada que fixo vencedores aos vergudos, e ocultaba aos demócratas do 36.

O legado que nos deixa é o respecto, a admiración de quen a coñecemos, e múltiples datos, historias e vivencias para construírmos unha Silleda mellor, orgullosa de recuperar a súa memoria.