Daniel de Bernardo: «Vemos como a poboación está moi concienciada e se sabe coidar ben»

Joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SILLEDA

Cedida

Nos centros de saúde fan «consultas proactivas dos doentes máis fráxiles», afirma el médico de familia

24 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos centros de saúde de atención primaria tamén descendeu moito a afluencia. «Hoxe [por onte] tivemos moi pouca xente para consultas presenciais. A atención foi sobre todo telefónica, e algunhas visitas domiciliarias. Hai unha situación que podemos considerar de normalidade relativa. A impresión, pola experiencia destes días, é a dun caos organizado. Entendo que é unha situación totalmente excepcional, e vivímola como tal, con adaptación aos cambios», afirma Daniel de Bernardo, médico do centro de saúde da Bandeira, un dos máis pequenos da área sanitaria de Santiago. No mesmo exercen dous médicos de familia, un profesional de enfermaría e outro administrativo. Para algunha actividade, como a asistencia de doentes de Sintrom, xa se coordinaron co centro de saúde de Silleda, o da capital do concello.

Daniel ve ben a concentración e reorganización de servizos e centros de saúde. «Penso que é necesario, sobre todo de cara a optimizar recursos, tanto de persoal como de materiais, e sobre todo se comeza a haber bastantes infeccións. En centros pequenos é difícil poder dispor dun adecuado circuíto de atención ao paciente respiratorio para que se manteña separado. Entendo que a reorganización é unha aposta pola eficiencia, necesaria no momento actual, tan difícil», refire.

Desde que comezou o confinamento, explica, «traballamos no centro de saúde todo o persoal. Case todas as consultas son telefónicas; presenciais, só as imprescindíbeis. En todos os centros hai unha zona reservada para pacientes respiratorios. É moi parecido en toda Galicia, polo que vexo en moitos grupos de WhatsApp, coa variabilidade propia do tamaño de cada centro. É un traballo anómalo para o que estamos acostumados, aínda que aos médicos de familia non nos estresan demasiado os cambios», manifesta Daniel de Bernardo.

Destaca que, a estas alturas do ano, «a gripe practicamente está nas últimas, case non hai xa casos. Comezamos a atender cada vez máis consultas de doentes respiratorios, asmáticos, pois este tempo favorece que sexa así, polo pole e as alerxias. E temos moitas consultas sobre todo de xente preocupada pola situación. Hai persoas que chaman ao teléfono que está indicado para informar do coronavirus, e, como está saturado e non conseguen contactar, chaman ao centro de saúde para pedir información, para se interesaren de como facer, se terán que ir ao hospital. Tamén vemos como a poboación está moi concienciada e se sabe coidar ben. É moi escasa a demanda de consultas por patoloxía menor, que eran relativamente frecuentes».

De Bernardo afirma que, coma outros colegas, «estou facendo consulta proactiva dos doentes máis fráxiles do meu cupo e do meu centro para tratar de resolver as súas dúbidas». Por causa do confinamento «persoas que tiñan problemas de ansiedade previos, ou de claustrofobia, que toleran mal estar na casa de forma tan permanente, están peor con esta situación. Aínda que na zona rural levan mellor esta circunstancia, porque poden saír ao patio, á horta, non estar tan recluídos como nas zonas urbanas». Recomenda facer exercicio físico «sempre que se poida, é un tema complexo e hai que valorar o risco e o beneficio segundo a situación da persoa».

Daniel é secretario da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, que tiña programadas as súas xornadas anuais esta semana, e apoia o Foro de Atención Primaria, que se ía presentar este mes en Santiago e que se suspendeu. «Son iniciativas moi positivas que están pospostas sen data. Utilizamos os seus foros para mellorar nesta situación».