Paula Pérez, de «Gran Hermano 9» a animadora sociocultural

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

miguel souto

Foi azafata e acaparou portadas pero agora céntrase na súa vocación na residencia de ancianos de Silleda

28 dic 2019 . Actualizado a las 13:09 h.

Defínese como unha grande aventureira, disposta a aproveitar un par de días para facer algo novo, e mesmo non desbotaría volver a algún programa televisivo, «sempre que fose compatible co traballo que realizo actualmente». Paula Pérez Martínez (Ourense) é a animadora sociocultural da Residencia de Maiores de Silleda, cargo que ocupa dende que o centro comezou a funcionar. Unha ourensá que participou en varios programas de televisión, e mesmo foi portada de revistas nacionais.

-Pode sorprender vela traballando con maiores.

-Ben, o certo é que sempre estiven traballando con persoas maiores. É algo vocacional. Sendo noviña xa fun de camilleira a Lourdes con persoas maiores... Teño unha especial empatía coa xente maior, e por iso estudei xerontoloxía e fíxenme animadora sociocultural.

-Cal é a súa función na residencia?

-O meu traballo consiste en levar a cabo un conxunto de programas encamiñados a mellorar as doenzas dos anciáns e a súa calidade de vida. Traballamos para minguar o seu deterioro cognitivo a través de diferentes terapias, como a xerontoximnasia ou a musicoterapia. Esta última, por exemplo, está dando moi bos resultados.

-De que tipo?

-Na residencia temos moitos residentes con deterioro cognitivo de maior ou menor grao, con alzhéimer... Moitos non son quen de lembrarse dos seus nomes nin de recoñecer a un membro da familia, por moi querido que fose, e mesmo poden esquecerse de como camiñar ou comer, pero si que se acordan dunha antiga canción e mesmo son capaces de cantaruxar unha letra. Interactuar cos cativos tamén é unha parte fundamental do programa de desenvolvemento de actividades cos maiores, xa que esperta neles uns fondos sentimentos de ledicia. Facemos talleres de prensa e debatemos sobre temas que consideramos que son de interese, pintamos e cosemos para que manteñan as extremidades activas, xogamos ao bingo... Mesmo fixemos algunha terapia cun can, que resultou altamente positiva entre os residentes, que se mostraron moi contentos co animal, lembrando aos que tiveran nas súas casas. É moi importante estimulalos e innovar.

-Son moitas horas de contacto permanente cos residentes.

-A animadora é a persoa que máis trato ten co maior, directamente, na escoita diaria. Intentamos que a residencia sexa a súa casa e que se sinta a gusto nela. Somos conscientes de que adaptarse a un novo espazo non é doado, e aí actuamos nós, para que esa adaptación sexa o menos traumática posible. Buscamos a confianza do residente e que non se sinta só.

-Con cantos anciáns desenvolve o programa ocupacional?

-Son 59 residentes. Cada un coa súa propia historia... Historias de superación, momentos difíciles que lles tocaron vivir e que nos dan auténticas leccións de vida. Son 59 persoas con gustos distintos, coas súas preferencias, con problemas de saúde diferentes... Coñeces a todos polo seu nome e sabes como tratar a cada un deles. É un traballo estimulante, moi bonito.

-Falaba de innovar. Cal é próximo proxecto que quere poñer en práctica?

-Unha horta. Moitos dos residentes veñen do rural e tiñan unha horta nas súas casas, de aí que estea pensando en facer unha hortiña en altura para que non teñan que abaixarse e que poidan cultivar o que queiran. No exterior da residencia hai espazo abondo para poñela en marcha nos próximos meses.

Coviastec. A construcción do edificio e a posterior xestión da residencia corre a cargo de dita empresa.

Festa de Fin de Ano. O centro celebrará mañá ás 12 do mediodía unha gran festa de Fin de Ano para os residentes e traballadores, con cotillón e música en directo.

«Teño boas lembranzas da tele, pero chega o momento de buscar estabilidade»

A actividade profesional de Paula Pérez está centrada actualmente só nos maiores da residencia de Silleda, pero non sempre foi así. A moza ourensá compaxinou ao longo de moitos anos estudos e televisión, unha etapa da súa vida da que garda boas lembranzas.

-Comezou de azafata, non?

-Así é. No Supermartes da Televisión de Galicia con Xosé Manuel Piñeiro. Era moi noviña, con 17 anos, e estiven seis anos e medio. Logo pasei ao programa Acompáñenos, e aí foron dous anos e medio... Pero é un complemento, xa que non deixei os estudos para nada. Sempre fun de ter os pés asentados na terra.

-Participou en «Gran Hermano 9» no ano 2007, foi portada de «Interviú», «Primera Línea» e «FHM», pero no 2010 deixou a televisión. Por que?

-Chega un momento que buscas estabilidade profesional. Da anterior etapa quedan boas lembranzas, pero son unha persoa humilde e a televisión non sempre é fácil. Na TVG levábao ben pero no caso de Gran Hermano, foi diñeiro fácil, aínda que souben retirarme a tempo.

-Seguen chamándoa para participar en determinados espazos?

-Si. Chaman para montaxes, para ir a algún programa... Pero eu son enxebre, da miña casa, e sempre rexeitei participar. Propuxéronme ser tronista en Mujeres, hombres y viceversa e tampouco aceptei. Recoñezo que Gran Hermano quedoume grande.

-Como levou a fama?

-Se tes os pés na terra e sabes o que queres non te deixas arrastrar pola corrente. A fama non sei o que é. Fun feliz e gocei esa etapa, pero non volvería a GH.

-Sería concursante nalgún programa?

-Ao mellor en Supervivientes, polo feito de que son moi aventureira, pero sería sempre coa condición de poder manter o traballo que teño e que tanto me satisfai.